CDU e SPD empatan nas eleccións alemás, segundo as últimas sondaxes

As enquisas a pé de urna dan un empate entre a CDU e os socialdemócratas con 25% de apoio cada un.

Alemaña vota nas primeiras eleccións sen Merkel en 16 anos (Foto: Matthias Bein / Dpa-Zentralbild / Dp)
photo_camera Alemaña vota nas primeiras eleccións sen Merkel en 16 anos (Foto: Matthias Bein / Dpa-Zentralbild / Dp)

O Partido Socialdemócrata alemán (SPD) e a coalición da Unión Demócrata Cristiá e a Unión Social Cristiá (CDU-CSU) empatan con 25% de voto cada unha nas eleccións federais que este domingo 26 de setembro decorren en Alemaña, as primeiras en 16 anos sen a chanceler Angela Merkel, que pon fin á súa etapa á fronte do Estado. Este é o resultado das enquisas a pé de urna publicadas pola televisión pública alemá ARD.

Por detrás dos dous grandes partidos quedarían Os Verdes, que obterían 15%, mentres que o Partido Liberal Demócrata (FDP) lograría 11%, e a ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) acadaría 11% de apoio. A esquerda, Die Linke, obtería 5% de voto.

A televisión ZDF anticipa en cambio unha lixeira vantaxe para o SPD que lograría 26% de votos, fronte ao 24% de CDU-CSU.

Segundo o estudo de ZDF, AfD pasaría de terceira a quinta forza política (10%) mentres que  FDP lograría 12% de apoio e Os Verdes obterían 14,5%. A Esquerda lograría, igual que no estudo de ARD, 5%.

Estas cifras supoñen unha importante melloría para o SPD e o seu candidato, Olaf Scholz, con respecto a 2017, cando logrou 20,5% de apoio, aínda que está lonxe da clara vitoria que esperaban para poder formar goberno comodamente.

A alianza CDU-CSU queda en cambio lonxe do 32,9% de apoio de 2017 nas primeiras eleccións sen Angela Merkel como candidata en 16 anos.

Os Verdes pola súa banda iniciaron o ano coa intención de liderar un goberno de coalición, polo que estes datos suporían un fracaso, aínda que con respecto a 2017 (8,9%) terían importantes avances. A Esquerda sofre un serio revés en comparación co 9,2% que obtivo en 2017.

En canto ás outras dúas eleccións deste domingo, Os Verdes serían a forza máis votada nos comicios á Cámara de Deputados de Berlín (23,%, +7,3 puntos con respecto a 2016), seguidos do SPD (21,5%, é dicir, -1) e a CDU (15%, -2,6).

A Esquerda é a cuarta forza (14,5%, -1,1), AfD lograría 7% (-6,8) e o FDP quedaría con 7,5% (+0,8), segundo o estudo de Infratest-Dimap para ARD.

Nas eleccións ao Parlamento de Mecklemburgo-Pomerania Occidental a forza máis votada sería de novo o SPD (37%, +7 con respecto a 2016), seguido de AfD (18,5%, -2,3), CDU (14%, -5), A Esquerda (10%, -3,2), Os Verdes (7%, +2,2) e o FDP, que regresaría á Cámara con 6,5% (+3,5).

Comentarios