O trono de Europa, en xogo

Tras 16 anos, Angela Merkel non estará á fronte de Alemaña, a locomotora económica da UE que, para mellor ou peor, marca as políticas dos Estados membros en moitos aspectos. A incógnita de quen a sucederá comezarase a despexar este domingo 26 de setembro, tras o voto nas eleccións xerais.
merkel_scholz
photo_camera Scholz, retratado para o 'Süddeutsche Zeitung', imitando o famoso Merkel-Raute, o xesto de diamante da chanceler (Foto: Armin Linnartz / CC)

O resultado, a día de hoxe, está no aire. Despois de tres debates electorais entre os candidatos das tres formacións favoritas e dun derradeiro multipartito na noite da quinta feira, os socialdemócratas chegan en cabeza ao día da votación por unha mínima diferenza de tres puntos sobre os democristiáns.

E, con todo, esta lixeira vantaxe non asegura nada. Segundo a enquisa publicada polo diario conservador Frankfurter Allgemeine Zeitung, arredor de 40% das persoas consultadas non tiñan decidido aínda quen votar a semana pasada. O sufraxio que Merkel arrastraba case por inercia está agora sen dono.

A "enquisa de enquisas" elaborada por Politico outorga ao Partido Socialdemócrata (SPD) 25% do voto (+5 que en 2017); á Unión Demócrata Cristiá (CDU) e á súa filial bávara, CSU, dálles 22% (-11); mentres que Os Verdes conquistarían 15% (+6). 

Pola cuarta posición pelexarían a ultradereitista Alternativa por Alemaña (AfD), con 11% (-1), e o Partido Democrático Liberal (FDP), tamén con 11% (non varía). Die Linke, herdeiro do Partido Comunista que gobernou Alemaña Oriental, tería 6% (-3).

Tres líderes en 2021

O liderado nas enquisas foi variando ao longo deste Superwahljahr ("súper ano electoral", con varios comicios rexionais alén das xerais deste domingo). Da CDU pasou ao partido dos Verdes en primavera e, finalmente, ao SPD hai un mes.

Os ecoloxistas, liderados por Annalena Baerbock e Robert Habeck, lograron aglutinar a inicio de ano o apoio que o Goberno da gran coalición (CDU/CSU e SPD) perdía como consecuencia do desgaste na xestión da pandemia. A finais de abril e comezos de maio, Os Verdes lideraron por vez primeira nas enquisas, con 25% do voto, coincidindo coa elección de Baerbock como a súa candidata (e do pouco carismático Armin Laschet, polos democristiáns).

Porén, o atraso de Baerbock para declarar uns pagos recibidos do partido, as dúbidas sobre o seu currículo ou o plaxio no seu libro ─sumados a varios erros fácticos en campaña─, cobraron aos Verdes unha importante peaxe nas enquisas.

A mediados de xullo as cousas ían ben para a CDU, que chegaba ao 29% en intención de voto, mentres que Os Verdes caían a 19% e o SPD seguía arredor de 16%. Mais as inundacións que arrasaron Renania do Norte-Westfalia, o land gobernado por Laschet, mudaron todo. 

O candidato conservador interrompeu as vacacións e viaxou ás zonas inundadas co presidente alemán, Frank-Walter Steinmeier. Na memoria o ano 2002, cando o socialdemócrata Gerhard Schröder logrou unha axustada vitoria nas xerais grazas ao seu papel activo durante as inundacións daquel ano en Saxonia. Laschet quixo presentarse como un dirixente capaz de xestionar unha crise, de xestionar Alemaña; mais saíu coa imaxe dunha persoa con falta de empatía tras ser gravado a gargalladas nun momento da visita. 

E a finais de agosto, apenas 40 días despois, o SPD ─aproveitando os erros de Laschet e Baerbock─ certificaba a remontada e superaba á CDU nas enquisas por vez primeira en 15 anos. Unha posición que mantén até o día de hoxe, mais cunha lixeira repunta dos democristiáns na última semana. 

Xurdimento de Scholz

Os erros dos rivais serviron de combustíbel para o avance do SPD, que se consideraba desafiuzado (en 2017 logrou o peor resultado da súa historia). O impulso definitivo chegou o 10 de agosto, cando o vicepresidente do Goberno alemán e ministro de Finanzas, Olaf Scholz, foi proposto como candidato para dirixir a nave nestes comicios. 

A gran popularidade de Scholz sufriu un revés esta semana, cando foi chamado a declarar ante a comisión parlamentaria que investiga supostas irregularidades por parte da unidade especial dedicada á loita contra o branqueo de diñeiro, dependente do seu ministerio. Agardábase que se ausentase, argumentando problemas de axenda pola campaña, mais acudiu en medio dun gran despregue mediático. Alí rexeitou taxativamente as acusacións.

O tabloide conservador Bild, o de maior tirada de Alemaña (e de Europa), levou durante toda a semana ás súas primeiras informacións artigos relacionados co caso. Onte acusaba a comisión parlamentaria de manter en secreto partes da declaración de Scholz. Ademais, salientaba que nas últimas horas de campaña el e o seu equipo se están a desprazar por Alemaña en jet privado e en dous Mercedes S-Class.

Balance esquerda-dereita

Como se comprobou cos casos de Baerbock e de Laschet, calquera erro pode custar caro e restar peso de cara ás negociacións que comezarán inmediatamente despois da votación. Porque se o gañador non está claro, si que parece evidente que serán necesarias alianzas para poder formar Goberno.

No debate final da quinta feira, o candidato da CDU asegurou que non lle importa quen acabe primeiro ou segundo, que o importante para eles é evitar que se forme unha coalición de esquerdas (SPD, Verdes e Die Linke). Desde o avance nas enquisas dos socialdemócratas, tanto el como Merkel levan ameazando co "dano" que causaría ao país e a Europa a entrada do comunismo no Goberno. 

Laschet xa dixo con anterioridade que aínda que a CDU sexa segunda buscará a alianza cos Verdes (con quen goberna en varios länder) e co FDP.

Die Linke, pola súa banda, moderou a posición sobre a abolición da OTAN, un dos temas que máis fricción causa con Verdes e SPD. "Si, criticamos a OTAN", sinalou a súa candidata, Janine Wissler, mais aclarou que un Goberno alemán non a pode disolver. Tamén o líder parlamentario da formación, Dietmar Bartschnunha, asegurou nunha entrevista en Augsburger Allgemeine que Die Linke nunca exixiría a saída de Alemaña da OTAN para entrar no Goberno.

Baerbock, seducida por Laschet e por Scholz, non se decantou aínda que dixo que Os Verdes prefiren ao SPD. En tanto que o candidato socialdemócrata ─que a priori deberá elixir como terceira pata entre Die Linke e o FDP─ lanzou unha chiscadela en á candidata verde en forma de desexo: "Se cadra chega con dous". 

Unha cousa ficou clara: a diferenza do que acontece noutros Estados europeos, todos os partidos alemáns comprometéronse a non pactar coa extrema dereita. 

"Que veñen os socialistas": o gran capital alemán leva fondos a Suíza

Suíza, malia os esforzos para acabar coa súa imaxe de refuxio financeiro para millonarios, segue a ser o país que acumula máis activos offshore. A estabilidade política do sempre neutral país centroeuropeo fixo que o fluxo de diñeiro mesmo medrase coas tensións xeopolíticas dos últimos tempos e, especialmente, coa pandemia da Covid-19. Tamén a posíbel viraxe cara á esquerda en Alemaña está a levar as grandes fortunas xermanas a trasladar desde comezos de ano parte do seu capital a bancos suízos, segundo declararon a 'Reuters' banqueiros e avogados do país. A hipotética alianza SPD-Verdes-Die Linke traerá, de cumprir os seus programas electorais, a reintrodución de impostos ás grandes fortunas e ás sucesións, así como outro tipo de taxas de carácter ambiental. Unha tendencia noutras partes da UE, onde por outra parte, de se confirmar a saída da CDU do Goberno alemán, o centro dereita perdería a maioría no Consello Europeo.

Comentarios