Todo aberto nas eleccións alemás, as primeiras sen Merkel en 16 anos

Merkel despídese do liderado dunha Alemaña que este domingo vota sen que as enquisas adiantasen un resultado claro. A diferenza de no Estado español, todas as forzas alemás comprometéronse a non pactar coa ultradereita, polo que a próxima ou próximo gobernante sairá dos votos e escanos que hoxe deparen as urnas para os resto de partidos e dos posíbeis pactos aos que cheguen.
Un ciclista pasa xunto a varios carteis electorais dos comicios en Alemaña (Foto: Kay Nietfeld / Dpa)
photo_camera Un ciclista pasa xunto a varios carteis electorais dos comicios en Alemaña (Foto: Kay Nietfeld / Dpa)

As urnas alemás abren este domingo 26 de setembro nunhas eleccións inéditas en 16 anos, o tempo que estivo  Angela Merkel á fronte do Goberno. Sen a veterana chanceler nas papeletas e coa incerteza de como se reconfigurará o panorama político, as os alemáns deberán elixir quen conforman o Budestag (Cámara Baixa) para a próxima lexislatura.

Uns 60,4 millóns de cidadás e cidadáns están chamados a votar, ao redor de 1,3 millóns menos que nas eleccións de 2017, das que xurdiu unha repetición da 'gran coalición' entre o bloque Unión Cristián Demócrata-Unión Social Cristiá (CDU-CSU) e o Partido Socialdemócrata (SPD).

Nesta ocasión, con todo, ningunha das dúas partes parece, de entrada, disposta a reeditar o pacto. Os socialdemócratas, que figuran por diante nas sondaxes, apuntan cara aos Verdes, que aspiran a obter o seu mellor resultado histórico, mentres que o bando conservador inclínase 'a priori' máis cara ao Partido Democrático Libre (FDP).

O SPD figura nas enquisas cunha intención de voto próxima a 25%, ao redor de catro puntos por diante da CDU-CSU. Os Verdes roldarían 14%, o ultradereitista Alternativa para Alemaña estarían en 12%, os liberais do FDP terían 11%, mentres que Die Linke (A Esquerda) obtería 7%.

Ao contrario que no Estado español, a forza ultradereitista non está na cabeza de ningunha formación para os pactos. Todos partidos alemáns comprometéronse a non pactar coa extrema dereita. 

Así pois, a futura ou futuro gobernante de Alemaña dependerá dos votos e escanos que obteñan o resto de partidos.

Prognostícase unha coalición de polo menos dous partidos e os posíbeis pactos foron motivo recorrente de reproche en campaña.

Candidaturas

A CDU aspira a conservar o poder da man de Armin Laschet, responsábel do Goberno de Renania do Norte-Westfalia, o Estado máis poboado, e sacudido nos últimos meses por todo tipo de polémicas. A pesar de figurar como favorito para suceder Merkel, desde o anuncio da súa candidatura viu como o seu bloque perdía ao redor de dez puntos nas enquisas.

Polémicas como unhas controvertidas risas en plenas inundacións a mediados de xullo non favoreceron a imaxe do aspirante conservador, que viu como lle adiantaba nas enquisas primeiro a candidata dos Verdes, Annalena Baerbock, e logo, xa de forma máis sostida, o socialdemócrata Olaf Scholz.

O candidato do  SPD, vicechanceler e ministro de Finanzas no actual Goberno, proxectou unha imaxe máis estábel que a do seu rival da CDU. A súa solvente participación nos debates e a súa experiencia de xestión debullan nel un perfil similar ao de Merkel.

Scholz soubo beneficiarse tamén dun declive progresivo tanto de Laschet como de Baerbock, cuxo partido chegou a figurar cunha intención de voto superior a 20%. Na súa contra, con todo, xogou a súa ambigüidade en asuntos chave como os seus potenciais aliados tras os comicios, en particular sobre o trato que está disposto a dar a Die Linke.

Como se reparten os escanos?

Para chegar ao tempo dos pactos, con todo, primeiro haberá que saber o número de escanos de cada formación política. Para iso, a lexislación alemá estabelece un sistema múltiple de repartición a partir de dous votos: nun deles, os electores elixen un candidato directo por cada unha das 299 circunscricións, mentres que no segundo examínanse listas de partido a nivel territorial.

Á repartición final, con todo, aínda lle hai incorporar os denominados escanos adicionais, de tal forma que se un partido recibe nun Estado máis escanos polo voto directo que polo de listas, engádese un número equivalente de asentos. Esta compensación fai que non haxa sempre un número fixo de escanos no Bundestag.

As e os novos deputados tomarán posesión dos seus cargos un mes despois das eleccións e, até que haxa un Goberno en firme, Merkel seguirá sendo a chanceler de Alemaña en funcións. As eleccións de 2017 derivaron en seis meses de conversas para tecer consensos e, tendo en conta a volatilidade actual, poderían non estar claras as opcións da coalición de forma inmediata.

Pase o que pase, Alemaña entrará nunha nova era sen Merkel. A chanceler culmina un proceso de retirada que anunciou en outubro de 2018.

Comentarios