Atropelamento en Münster: 3 mortos e 20 persoas feridas

O ministro de Interior de Renania do Norte Westfalia non cre que fose un atentado

[ACTUALIZACIÓN] O atropelamento masivo en Münster -cun balanzo provisorio de 3 mortos e no mínimo 20 persoas feridas- tería sido causado por unha persoa cun historial de problemas psiquiátricos, segundo a policía alemá. O condutor da furgoneta, após o ataque, suicidouse cunha pistola. Para o ministro de Interior de Renania do Norte Westfalia, Herbert Reul, "nada indica" que o ataque fose un atentado.

 

munster
photo_camera Imaxe da zona en que se produciu o atropelamento @alialshouk

A furgoneta tería tido como albo do seu ataque as terrazas dunha das zonas máis turísticas da cidade. Das 20persoas feridas no mínimo 6 teñen a súa vida en perigo.

A identidade do agresor -unha persoa que sofría doenzas psiquiátricas- leva neste momento a que a principal teoría da investigación é que non se trata dun atentado terrorista, segundo informou o Süddeutsche Zeitung a partir de fontes policiais. Non hai confirmación oficial da veracidade desta noticia.

O asaltante era un home de 48 anos de nacionalidade alemá.

Non é o primeiro atropelamento masivo con resultado de varias mortes en Alemaña. En decembro de 2016, Berlín sofreu un ataque similar, cun balanzo de 12 vítimas mortais.

Nota: esta noticia foi actualizada ás 22.56 h. As primeiras informacións da policía -emendadas agora- apuntaban a un maior número de vítimas.

Comentarios