[VÍDEO] Un buque bate e derruba a maior ponte de Baltimore mentres circulaban coches por ela

Os servizos de emerxencia traballan no rescate das persoas que caeron á auga do río Patapsco.
PONTE BALTIMORE
photo_camera (Captura: X)

[En ampliación]

Un barco portacontedores bateu coa ponte Francis Scott Key, en Baltimore (Estados Unidos) e derrubou a estrutura mentres circulaban numerosos vehículos pola mesma. A ponte Francis Scott Key, de 2,5 quilómetros de lonxitude e o maior da cidade de Baltimore en tamaño, forma parte da autoestrada Interestatal 695 de Maryland, que rodea a cidade estadounidense da costa leste.

Segundo informan medios locais e púidose ver posteriormente en vídeos en redes sociais, a estrutura colapsou como consecuencia do choque dun barco cargueiro contra un dos seus piares.

Segundo informa a axencia AP, o derrube produciuse sobre as 1:30 horas (hora local). Tanto a policía de Baltimore como o departamento de bombeiros da cidade aínda non se atreven a facer un balance de vítimas mortais ou feridos. Só engadiron que están a tratar de rescatar a polo menos sete persoas no río.

O diario The National e outros medios publicaron un vídeo no que se ve claramente o choque e a continuación o derrubo da parte central da ponte metálica. O alcalde da cidade, Brandon M. Scott, e o executivo do condado de Baltimore Johnny Olszewski Jr. relataron nas redes sociais que o persoal de emerxencia acudira á zona e xa traballaba no rescate.

Rescate

O oficial ao mando dos Bombeiros de Baltimore, James Wallace, explicou que "dúas persoas xa foron rescatadas" das augas do río, unha delas ilesa e outra que "foi trasladada en estado crítico" a un hospital próximo. "Fomos quen de sacar dúas persoas da auga, mais a operación de busca vai durar horas porque a área na que estamos a buscar é moi grande. Temos activos medios aéreos de diferentes corpos de seguridade, tamén navais, equipos de sónar, unidades especiais e múltiples recursos", explicou Wallace en declaracións á prensa.

Tamén afirmou que "probabelmente" están a buscar "máis de sete persoas", aínda que deixou claro que se descoñece con exactitude cantas puideron caer ao río e que o sónar "detectou vehículos" mergullados baixo a auga

Comentarios