Os BRICS suman 36,4% do PIB global e 47,3% da poboación mundial

A alianza integrou este 1 de xaneiro Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos, Exipto, Etiopía e Irán.

russian_president_vladimir(1)
photo_camera Vladimir Putin intervindo no cumio dos BRICS en en Xohanesburgo en 2023. (Foto: Europa Press).

Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos, Exipto, Etiopía e Irán son desde onte membros de pleno dereito dos BRICS. Estes cinco Estados pasan así a facer parte da alianza política e económica conformada inicialmente por Brasil, China, India, Rusia e Sudáfrica. As novas incorporacións converten a este bloque no primeiro do mundo en poboación e actividade económica.

A entrada de Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos, Exipto, Etiopía e Irán foi acordada no cumio dos BRICS desenvolvo en Xohanesburgo (Sudáfrica) no pasado mes de agosto. Naquela xuntanza, fixouse o 1 de xaneiro de 2024 como data oficial para a integración na alianza destes cinco Estados. Finalmente, outros dos países cuxa incorporación foi aprobada no referido encontro, Arxentina, renunciou a facer parte do bloque, após a chegada ao Goberno do ultradereitista, Javier Milei.

47,3% da poboación mundial

Os BRICS  pasan a representar a partir de onte 47,3% da poboación mundial e 36,4% do Produto Interior Bruto (PIB) global combinado.

Neste sentido, o G7, alianza conformada Alemaña, Canadá, Estados Unidos, Francia, Italia, Xapón e Reino Unido, suma 10% da poboación mundial e 30,4% do PIB global combinado. Asemade, os 10 Estados dos BRICS concentran 38,3% da produción industrial mundial, mentres que os súas homólogos do G7 representaban 30,5%.

A alianza política e económica fundada en 2010 xera 35% da produción mundial diaria de petróleo. Só Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos, Irán e Rusia suman actualmente 26,3 millóns de barrís de petróleo ao día. A maiores, Exipto é un dos maiores produtores africanos de petróleo, cunha produción de 567.650 barrís diarios.

Novas incorporacións

Os Estados membros dos BRICS apostan por unha nova ampliación da alianza para o ano vindeiro. Nesta liña, lembran que actualmente 19 países agardan pola súa incorporación a este bloque económico, algúns deles con importantes reservas de materias primas, como Alxeria ou Venezuela. 

Comentarios