Opinión

Brics++

Na última cimeira, en Johannesburgo, do grupo máis famoso do mundo emerxente tomáronse dous acordos de alcance. 1) Principios e mecanismos da súa ampliación (entre eles, prohibir calquera tipo de sanción política ou manobra de "cambio de réxime") e 2) incrementar o comercio nas divisas nacionais. Esta medida rematará na creación dunha nova moeda de intercambio internacional que facilitará a cooperación igualitaria entre os países asociados e a independencia financeira.

As case setenta delegacións invitadas dan unha idea das expectativas xeradas por un grupo que xa representa (coa última ampliación) 46% da poboación mundial e o 37% do PIB PPA. Por diante do G7, que ata hai pouco lideraba as economías máis potentes do planeta, con Estados Unidos á cabeza. Iso xa é historia. En PIB PPA China é nº1, India nº3, Rusia nº5 e Brasil nº8.

Ao quinteto actual (os países anteriores máis Suráfrica) vánselle sumar no futuro máis de vinte membros. Os primeiros, EAU, Arabia Saudita, Irán, Arxentina, Exipto e Etiopía entrarán xa en xaneiro de 2024. Esta e outras próximas ampliacións converterán os Brics nun poderoso polo cooperativo mundial, verdadeiramente plural, anti-hexemónico e anticolonial. É importante resaltar que son estas características as que explican o éxito do proxecto: todos os países contan (independentemente do seu tamaño, economía e modelo político) e todos se benefician, fronte ao modelo neocolonial de suma cero, onde só gañan as metrópoles. É o principio da fin do dólar e do sistema imperial de Bretton Woods.

O vigor do grupo é patente. India acaba de propoñer (avalada polo seu recente éxito espacial na Lúa) o aumento da cooperación tecnolóxica e a creación dun Consorcio de Investigacións do Espazo. Nunha liña complementaria, Xi Jinping destacou que os Brics deben promover a inclusión e a paz (fronte á mentalidade da Guerra Fría) afirmando que o desenvolvemento non pode ser un privilexio exclusivo dunhas poucas nacións.

Vladimir Putin declarou que "os BRICS non buscan competir nin opoñerse a ninguén, pero os estados dos mil millóns de ouro –referíndose ao núcleo reitor occidental anglo-ianqui–  intentarán por todos os medios preservar o seu mundo unipolar". Porén, ao seu pesar, a desdolarización da economía mundial "é un proceso obxectivo e irreversíbel". Putin subliñou que o comercio ruso (en moedas nacionais) cos países do sur global en materia de combustíbeis, alimentos e fertilizantes está aumentando constantemente. O mesmo ocorre coa China.

En definitiva, os países emerxentes están demostrando a firme vontade de construír un mundo multipolar sen subordinacións hexemónicas, algo que non se producía dende a constitución dos Non Aliñados a mediados do s. XX, pero esta vez de forma máis rigorosa, pragmática e realista.

Os Brics++ constitúen a parte máis dinámica da economía mundial, coa maior produción industrial e tecnolóxica e as maiores reservas enerxéticas (seis dos nove principais produtores mundiais de enerxía están dentro), alimentarias e de materias primas estratéxicas. Aínda que fose por simple intelixencia comercial, conviría ter boas relacións con eles.

Comentarios