xoves 28.05.2020

Brasil aproba o uso da cloroquina como tratamento para a COVID-19

A pesar dos estudos que revelan posíbeis efectos secundarios deste medicamento usado fronte á malaria, e que tamén Trump recoñeceu que estaba a tomar.
O presidente brasileiro, Jair Bolsonaro, acompañado pola súa muller, Michelle Bolsonaro (Carolina Antunes / dpa)
O presidente brasileiro, Jair Bolsonaro, acompañado pola súa muller, Michelle Bolsonaro (Carolina Antunes / dpa)

O presidente do Brasil, Jair Bolsonaro, anunciou que o ministro interino de Saúde, Eduardo Pazuello, asinaría hoxe un novo protocolo para o uso da cloroquina, un medicamento usado fronte á malaria, como tratamento da enfermidade provocada polo novo coronavirus, mesmo na fase inicial.

Ante os estudos que revelan posíbeis efectos secundarios deste medicamento, Bolsonaro dixo que, como parte da democracia, "ninguén está obrigado a tomar cloroquina", mais el non terá cargo de conciencia se alguén quixo tomala e non puido.

"Quen sabe, verdade? Poida que sexa un placebo, que non serviu de nada, mais tamén poida que dentro de dous anos digan que realmente funcionou", afirmou o presidente durante unha conversa co xornalista Magno Martins e que recolleron varios medios brasileiros.

A esquerda, refrescos 

"Quen é de dereitas toma cloroquina; quen é de esquerdas toma Tubaína", ironizou Bolsonaro, referíndose a un popular refresco de guaraná no Brasil.

O mandatario recibiu numerosas críticas pola defensa deste medicamento, mesmo dentro do seu equipo de Goberno.  Recentemente, o xa ex ministro de Saúde Nelson Teich, presentou a súa dimisión por estar en desacordo co uso da cloroquina para tratar a enfermidade.

No entanto, Bolsonaro asegurou que Teich, de quen di estar "case namorado", continúa asesorando o xeneral Pazuello, a quen de momento prefire manter no cargo á fronte da carteira de Saúde, pois é "un tremendo xestor".

O seu antecesor no cargo, Luiz Henrique Mandetta, que tamén caeu en desgraza polas diferenzas con Bolsonaro sinalou hai uns días nunha entrevista para Folha de Sao Paulo do risco de tratar as persoas enfermas coa COVID-19 con cloroquina.

Trump, "irresponsábel"

Ademais, o máis que probábel candidato do Partido Demócrata dos EUA á presidencia, Joe Biden, dixo que era "totalmente irresponsábel" que o presidente Donald Trump tomase cloroquina para previr o contaxio.

"É como dicir que se inxectas Clorox [un desinfectante]no sangue, talvez cures". "Que está a facer?", preguntouse, segundo recolleu a cadea de TV CNN.

O presidente Trump revelou nesta semana que consumía este medicamento tras consultalo cun médico da Casa Branca.

comentarios