Bové ve en Schulz e Juncker "os dous candidatos" da chanceler Merkel

Aos seus 61 anos, José Bové é o portavoz de Vía Campesiña e o candidato do Partido Verde Europeu á presidencia da Comisión Europea. Esta semana viaxou a Galiza para prestar apoio á campaña do BNG e, singularmente, a Ana Miranda como número 1 da listaxe nacionalista. Nunha pequena entrevista con Irmandade TV (vídeo no interior), Bové cargou contra Schulz e Juncker -candidatos socialdemócrata e conservador á presidencia da Comisión. "Son os dous candidatos de Merkel", denuncia.

photo_camera Bové, con Miranda e Vence

Bové fala con moita enerxía sobre a necesidade de mudar Europa desde unha perspectiva radicalmente transformadora, pondo o acento no respeito ao meio natural, mas tamén no desenvolvimento das capacidades produtivas dos distintos territorios.

"Temos que transformar Europa e para iso é fundamental mudar a economía, mudar o modo de produción e mudar o sistema enerxético", dixo a Irmandade TV. A súa aposta resúmese na frase: "un voto ecolóxico ao servizo do territorio". O territorio non considerado como unha abstracción, senón como unha cultura, unha lingua e "unha tradición de combate".

"A PAC favorece ás grandes explotacións"

Bové foi interpelado por Aurelio Lopes, o xornalista de Irmandade TV, a respeito da PAC. A súa crítica é demoledora: considera que a política agraria da UE está ditada pola "presión dos Estados" e é produto do pacto entre "os conservadores de dereitas e os conservadores de esquerda", en clara alusión a populares europeus e socialdemócratas.

Para Bové, hoxe temos unha PAC que favorece exclusivamente "ás grandes explotacións". "O 80% das axudas van ao 20 por cento dos labregos", enfatizou.

Ataques a Schulz

Como candidato á presidencia da Comisión Europea (por vez primeira, o Parlamento europeu vai ter un papel na escolla da persoa titular dese órgao), Bové non dubida en descualificar o seu rival socialdemócrata, o alemán Schulz. "Esta persoa di hoxe que vai mudar Europa. Non acredito nin por un segundo que o vaia facer", di o líder agrarista francés, para quen o político do SPD "aceita a política dos Estados", isto é, as políticas que actualmente vigoran na UE.

"O 80% das axudas da PAC van ao 20 por cento dos labregos", denuncia Bové

Bové vai alén na crítica e emparella a Schulz con Junker, o candidato dos conservadores. "Schultz e Juncker son os dous candidatos de Merkel", conclúe.

Ana Miranda ten anunciado que o voto da formación nacionalista galega, na escolla de candidaturas para a presidencia da Comisión Europea, irá precisamente para Bové, quen, na súa estancia na Galiza, dedicou afervoadas gabanzas á número 1 do BNG a Europa. 

Comentarios