BNG, Sumar e Podemos demandan no Congreso rachar relacións con Israel

O nacionalista Néstor Rego exixe "romper relacións diplomáticas con Israel e aplicar efectivamente un embargo de armas e comercial".
Néstor Rego (BNG), Ione Belarra (Podemos) e Íñigo Errejón (Sumar), esta cuarta feira, no Congreso. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Néstor Rego (BNG), Ione Belarra (Podemos) e Íñigo Errejón (Sumar), esta cuarta feira, no Congreso. (Fotos: Europa Press)

Na sesión no Congreso español na que Pedro Sánchez (PSOE) anunciou o recoñecemento de Palestina, o socio minoritario da coalición de Goberno, Sumar, defendeu que manter relacións co Executivo “xenocida” israelí é “insostíbel”, reiterou o seu voceiro, Íñigo Errejón, que pediu o “embargo total e permanente á compravenda de armas”, o mesmo que fixo Ione Belarra, líder de Podemos.

“Deben romper relacións diplomáticas con Israel, aplicar efectivamente un embargo de armas e comercial, hai que reclamar a fin do apartheid e da ocupación de toda a terra da Palestina e colaborar coa Corte Penal Internacional para que Netanyahu e a cúpula sionista paguen polos seus crimes”, afirmou o deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego, que se laiou de que o recoñecemento non é “suficiente” e se produciu “tarde”.

Mertxe Aizpurua (Bildu), dixo que tería sido mellor o recoñecemento antes dun “xenocidio televisado”. Tamén criticou a actitude diplomática española fronte á Arxentina en relación á “pasividade” con Israel ou Marrocos.

O líder do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, após ser interpelado por Pedro Sánchez para fixar a súa posición, aduciu que a prioridade é “entregar os reféns, o alto o fogo, a axuda humanitaria e evitar que recrúe a escalada”, cuestionando cales son as fronteiras de Palestina e se Hamás sería o “seu interlocutor”. Máis conciso foi Santiago Abascal, presidente da ultraespañolista Vox, que acusou Pedro Sánchez de querer ditar a Israel que non ten dereito a defenderse, inculpándoo por aceptar “as cifras de Hamás” e o "relato de ETA".

Comentarios