Portavoz do grupo parlamentario de EH Bildu no Congreso

Mertxe Aizpurua: "Dicímolo explicitamente: EH Bildu está preparado para gobernar"

Mertxe Aizpurua (Usurbil, 1960) recíbenos no seu despacho da oficina do grupo parlamentario de EH Bildu no Congreso das e dos Deputados para explicar os retos da formación política, que se atopa inmersa nun proceso de asembleas e debates que concluirá coa elección da súa nova dirección.
Mertxe Aizpurua (4)
photo_camera Mertxe Aizpurua. (Foto: Nós Diario)

Estamos a menos dun mes do remate do proceso congresual de EH Bildu. Cales son as principais conclusións e os retos que se marca a esquerda abertzale?

Estamos nun momento de crise, que xa o era antes da pandemia, e un período tamén de incerteza. As cousas xa non duran tanto como antes, mesmo os posicionamentos políticos e as percepcións que ten a xente. Nesta gran crise que semella aveciñarse, as cousas non teñen esa durabilidade que tiñan antes, co cal os proxectos non teñen que ser tan a longo prazo. Hoxe é moi difícil facer predicións a respecto da cuestión política, económica e social. Desde ese punto de vista, o que fixemos foi prepararnos para este contexto e, dalgún modo, abordar o futuro desde a actualidade. 

Temos a oportunidade de dar unha volta á situación e de gobernar este país. É unha chave na que antes non estabamos e non estaba así explicitada. Neste congreso, dalgunha maneira, podemos sacar a conclusión de que estamos preparados. Aspiramos a gobernar porque gobernando, imos conseguir un futuro mellor. Desde todos os campos, tamén desde aquí, desde o Congreso, imos tratar de que o dereito de autodeterminación sexa unha realidade.

As forzas soberanistas teñen que actuar en común e facer unha presión común, por iso é tan importante tecer complicidades e accións

Ademais, cada consulta electoral, imos aumentando apoios. Somos a primeira forza municipalista do país e na Comunidade Autónoma Vasca somos a segunda forza e tamén en Navarra, co cal temos elementos suficientes que nos animan a ser optimistas. Por outra parte, temos a implantación social moi homoxénea.

Bildu é un dos apoios chaves do Goberno na actual lexislatura. Que agardan do Executivo?

O que esperamos dixémosllo a Sánchez na sesión de investidura. Naquel momento apoiámolo en base a tres eixos. Un é o social. Teñen que tomarse as medidas económicas e sociais -entre elas reverter a reforma laboral- a favor das clases populares para saír desta situación de crise económica. Tamén a cuestión nacional, pois este Estado non ten posibilidade de democratizarse se non se aborda o tema territorial que vén enquistado desde 1978. A constitución non dá cabida ás aspiracións das nacións deste Estado e non nos cansamos de repetilo. Agora non somos os únicos que o dicimos. A terceira pata era a referida á política penitenciaria. Ás veces conseguimos condicionar algunhas políticas e obtemos logros que son bos para Euskal Herria e para as maiorías traballadoras do Estado español, aínda que non terminamos de convencernos de que este sexa o Goberno máis progresista... Nese terreo non perdemos a perspectiva, pois a alternativa a este Goberno é moito peor.

Referíase á política penitenciaria. Veñen de transferir ao Goberno vasco a xestión dos cárceres de Euskadi. Houbo algún cambio significativo en relación ao colectivo de presos vascos?

Houbo un cambio que é positivo. Até o de agora, os presos vascos estaban repartidos por toda a península a mil quilómetros dos seus domicilios. Era unha situación inxusta e dolorosa e supuña un dobre castigo, tamén para os familiares, moitos deles persoas maiores ou nenos pequenos. Esa dispersión, que foi unha medida política, estase a reverter de maneira moi paulatina. Os presos están a ser achegados. Nalgúns casos chegan aos cárceres vascos e noutros até a zona de Madrid. Andalucía está practicamente baleira, como a zona do levante e Galiza. Aínda que máis amodo do que nos gustaría, está a suavizarse a situación e é unha cuestión de dereito: aplicarlles a política penitenciaria como a calquera outro preso. Esperamos que finalmente estean todos en Euskal Herria e que se aplique a progresión de graos.

 "Non terminamos de convencernos de que este sexa o Goberno máis progresista... Nese terreo non perdemos a perspectiva, pois a alternativa a este Goberno é moito peor"

Como valora a actuación das forzas asinantes da declaración de Llotja del Mar no Congreso e que perspectivas de futuro lle ve a declaración máis alá da cuestión institucional?

As forzas independentistas teñen neste Congreso unha presenza moi grande. É unha realidade que mudou e que é moi visual e penso que vai ir a máis, en consonancia cos aires que se dan no mundo. A declaración é un punto moi importante porque a cuestión territorial non se vai resolver só cunha desas nacións, por moito que Catalunya avanzase. Non sei cando mais estou convencida de que chegará unha solución, porque as costuras rebentarán. As forzas soberanistas teñen que actuar en común e facer unha presión común, por iso é tan importante tecer complicidades e accións. Aquí, no Congreso, hai cuestións que nos atinxen ás tres nacións nas que actuamos conxuntamente. 

Por que cunha correlación de forzas tan favorábel ao nacionalismo en Euskadi non se avanzou máis no recoñecemento do seu dereito a decidir? Ven o PNV apoiando un proceso en Euskadi semellante ao de Catalunya?

En Catalunya, o nacionalismo e o independentismo fixeron piña durante o proceso. Ese proceso aquí non se deu nin vemos que se vaia dar dentro de pouco. O pobo catalán, dalgunha maneira, arrastrou os partidos e conseguiu que os de dereita e os de esquerda, os independentistas e os nacionalistas se unisen a prol dun obxectivo común. O PNV, hoxe por hoxe, non está por apostar por unha vía de manifestamente independentista.

"Nós non somos o PNV nin imos selo"

Preguntámoslle a Aizpurua se a política de Bildu no Congreso está marcada pola vontade de substituír o PNV como representación de Eukal Herria en Madrid. Asegura que a súa vontade é marchar a Euskal Herria “canto antes”. “Estamos aquí para pasar o menor tempo posíbel e non sei se esa é a vontade do PNV. Nós somos independentistas e iso marca a nosa axenda".

"Unha axenda que no social tamén difire deles. No aspecto nacional, a nosa postura é nítida e o PNV saca a pasear o seu nacionalismo dúas veces ao ano: no Aberri Eguna e no Alderdi Eguna e despois gárdao no caixón. Ademais, explica que o PNV recolle o voto que se baleira do PP, “e iso lévao a mudar formulacións”. Tamén expresa que Bildu e PNV deberían levar accións comúns en Madrid en beneficio do pobo vasco.

Comentarios