Un barrio de Dublín para falantes de gaélico?

Unha proposta veciñal valora establecer unha zona da capital irlandesa como gaélicofalente.

dublin irlanda-min
photo_camera Dublín (Foto: Ireland)

O Peers Centre de Dublín -en gaélico Baile Átha Cliath-, a capital de Irlanda, acolleu unha xuntanza de colectivos e movementos na que se valorou a conveniencia de que determinados barrios de Dublín sexan considerados como gaélicofalantes, impulsando que nos mesmos sexa a lingua propia da illa a predominante en todos os ámbitos.

A idea parte do movemento Misneach (afouteza, en gaélico), creado en 2013 por Aindrias Ó Cathasaigh e Feargal Mac Ionnrachtaigh entre outros, co mesmo espírito que Misneachd, un grupo homónimo en Escocia formado en 2016 e que pulan pola recuperación do gaélico.

A proposta conciliou apoios mais tamén rexeitementos. Defensores do gaélico consideran “inviábel” esta proposta e critican que sexa restrincir unha lingua nacional a un “guetto”.

Os partidarios, porén, vena como un paso para que o gaélico gañe presenza no espazo urbano, onde apenas existe para alén de certas rotulacións e sinalizacións oficiais.

Falantes

En 1840 o 90% de Irlanda falaba gaélico. Na actualidade, apenas 80.000 persoas en toda a illa afirman falar gaélico a diario (sen contabilizar os estudantes dese idioma). Se ben hai enquisas que indican que por volta dun millón setecentos mil habitantes din que teñen coñecementos como para poder falar o irlandés desde organizacións de defensa do idioma relativizan esa cifra: “É máis ben un indicador  de boa vontade”, teñen afirmado desde a Liga gaélica.

Dentro da illa, a situación máis precaria é nos seis condados baixo dominio de Reino Unido, a zona coñecida como Ulster ou Irlanda do Norte. Na mesma é onde están as porcentaxes máis baixas de coñecedores e falantes de gaélico.

A oposición durante décadas dos protestantes a calquera mínimo avanzo en dereitos lingüísticos mantivo o irlandés sometido a unha especie de ‘apartheid’. “Lingua de leprosos” cualificou o reverendo Ian Pasley, máxima figura do unionismo, ao gaélico.

Comentarios