MARCHA POLA PAZ E A CONVIVENCIA

Barcelona rende unha fonda homenaxe ás vítimas e rexeita a compaixón do rei Felipe VI e de Rajoy

Os apupos ao rei Felipe e a presidente do goberno, Mariano Rajoy, as pancartas que recordaban ás autoridades españolas a súa participación no comercio mundial de armas e unha inmensa expresión de solidariedade coas vítimas dos atentados do 16 de agosto definiron a manifestación que baixo o lema No tinc por (Non teño medo) recorreu o centro de Barcelona esta tarde.

Pancarta contra o rei e o goberno español na marcha desta tarde en Barcelona. Foto NacióDigital
photo_camera Pancarta contra o rei e o goberno español na marcha en Barcelona. Foto: NacióDigital.

"Non imos consentir que nos humille nin que nos venza o terrorismo. Porque cando eles golpean, en vez de dividirnos atópannos máis unidos que nunca na defensa da liberdade e a democracia desde nosa diversidade de culturas e crenzas" , advertiron Rosa Maria Sardà e Míriam Hatib, encargadas de ler o manifesto que puxo o ramo á marcha, informa o xornal NacióDigital.

Foi unha marcha case en silencio, desde os xardíns de Gracia até a praza Cataluña, miles de persoas detrás dunha soa pancarta: Non teño medo. Miles de barceloneses saíron a rúa para mostrar a compaixón coas vítimas e un rexeitamento do terror. Tamén para dar unha lección de dignidade. As autoridades a un lado, as principais, como o rei Felipe VI ou o presidente do goberno español, Mariano Rajoy, abertamente contestadas pola xente con berros de “fóra! fóra!”.

Carles Puigdemont, presidente da Generalitat, e a alcaldesa Ada Colau acompañaron ao Xefe do Estado e ao Presidente do Goberno mentres se dirixían a pé cara a cabeceira da manifestación entre a repulsa da xente. As autoridades situáronse detrás dos representantes dos servizos de emerxencia e corpos de seguridade que levaron a pancarta.

Cabecera da manifestación de esta tarde en Barcelona. Foto NacióDigital

Cidadáns con esteladas e carteis con diferentes lendas alusivas á paz e a convivencia entre culturas marcharon detrás. Tamén unha gran pancarta cunha mensaxe para as autoridades: “As vosas políticas, as nosas mortes” e cidadáns portando retratos do exministro de Defensa, Pedro Morenés, do rei de Arabia, de Felipe VI, de Aznar, de Blair ou de George W. Bush.

“Barcelona clama contra o terror e o cinismo do rei e do PP” titula a esta hora o decano dos dixitais cataláns, Vilaweb, unha crónica na que subliña o contraste entre os aplausos das veciñas e veciños aos integrantes dos Mossos d’Esquadra e da Guárdia Urbana e os berros contra o rei e Rajoy aos que, indica o xornal, “numerosas pancartas acusaban de traficar con armas e manter complicidades cos réximes que dan soporte aos grupos xihadistas”.  

Na marcha tamén tomaron parte varios representantes políticos galegos, como o presidente da Xunta, Núñez Feijoó, os alcaldes da Coruña e Compostela, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, e líderes políticos como Carmen Santos ou Yolanda Díaz, mentres o BNG estivo representado polo seu grupo de militantes en Cataluña.

A manifestación, convocada pola plataforma Lafede.cat que reúne a 112 colectivos xunto a outras organizacións como o Ómmiun, era a primeira da democracia na que participaba Felipe VI, que foi obxecto directo das críticas mesmo polos promotores da convocatoria. “O problema non é só o terrorismo, senón a venda de armas, os acordos con países que fomentan o fanatismo. E iso non podemos combatelo con represión soamente, senón impulsando a paz, a convivencia e os dereitos humanos”, declarou a NacióDigital Tono Alvareda, presidente de Lafede.cat.

Comentarios