As políticas agresivas do Goberno de Emmanuel Macron, presidente de Francia, nestes últimos anos provocaron a reacción das numerosas asociacións en defensa das linguas minoritarias no Estado francés. Se a súa situación é de vello precaria, desde a chegada de Macron á Presidencia en maio de 2017 vai camiño de ser crítica.
Tal é así que estas asociacións se uniron baixo o paraugas do colectivo Que Vivent Nos Langues (“Que vivan as nosas linguas”) para facer fronte ao que chaman “lingüicidio” da Administrasción francesa, nomeadamente, das políticas do ministro de Educación, Jean-Michel Blanquer.
Neste sentido, Que Vivent Nos Langues lanzou unha campaña en change.org na que piden un estatuto similar ao que gozan o catalán no Estado español ou o galés no Reino Unido. Iníciase así: “As nosas linguas son o occitano-lingua d’oc, o éuscaro, o bretón, o catalán, o corso, o flamengo occidental, o alemán estándar e os dialectais alsaciano e moselán, o savoiano (arpitano-francoprovenzal), a linguas de Oïl, as crioulas e as linguas autóctonas dos territorios de Ultramar. Todas se resisten en Francia a non desaparecer porque todos aparecen no inventario das “linguas en perigo” estabelecido pola Unesco”.
A petición remata chamando á mobilización “contra este ministro [Jean-Michel Blanquer] cuxa política leva a un verdadeiro lingüicidio”. Así é que, alén disto, o colectivo convocou unha concentración para o 30 de novembro ás 11 horas diante do Ministerio de Educación.