A Asociación de Vítimas de Adamuz contrata o avogado que leva o caso de Angrois
Antonio Benítez é o encargado do procedemento contencioso-administrativo no caso polo sinistro do Alvia na curva da Grandeira (Santiago), demanda que chegou até Estrasburgo.
A Asociación de Vítimas do Accidente Ferroviario de Adamuz (Andalucía) contratou os servizos do despacho que dirixe o avogado Antonio Benítez, que leva a demanda do caso de Angrois que nestes momentos examina o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
Nun comunicado, a asociación anuncia "un cambio de fase" e apunta que contratou os servizos de Administrativando Avogados, despacho especializado en exixir responsabilidades á administración pública. Benítez encárgase do procedemento contencioso-administrativo no caso polo sinistro do Alvia na curva da Grandeira (Santiago), demanda que chegou até Estrasburgo.
O obxectivo das vítimas de Adamuz é "principiar todas as vías legais dispoñíbeis fronte á inacción e deficiencias manifestas das administracións públicas que deberían estar a intervir e cooperando de forma activa e conforme marca a lexislación vixente".
A asociación exixe, ademais, a creación "inmediata" dunha oficina específica de atención ás vítimas, "que actúe como punto único de referencia, coordine a todas as administracións implicadas e garanta un seguimento real, continuo e eficaz de cada caso".
Insiste en que non se trata "unicamente de esclarecer o sucedido o día do sinistro, senón de coñecer a verdade para que feitos como este non volvan repetirse e para garantir que o sistema ferroviario sexa plenamente seguro".
Accidente laboral
Precisamente esta quinta feira, a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, anunciou que, "en breve", o Goberno estatal aprobará unha modificación legal para que o accidente de Adamuz teña a mesma consideración que un accidente laboral.
Isto implica, segundo a titular de Facenda, prestacións máis elevadas para os feridos, pensións de incapacidade permanente, viuvez e orfandade tamén maiores.
Nesta liña, o presidente da Asociación Vítimas Descarrilamento Adamuz, Mario Samper, acolleu de maneira "positiva" que o Goberno estatal aceptase a proposta da entidade para que o accidente ferroviario teña a mesma consideración que un accidente laboral, iniciativa que, segundo asegurou, foi trasladada ao ministro de Transportes, Óscar Puente, nunha reunión recente.
Samper indicou que nunha reunión hai 10 días, entre outras propostas, a asociación solicitou a Puente esta medida e tamén "unha investigación seria e imparcial", así como a axilización dos trámites burocráticos polas axudas.


