O Goberno español afirma que "todas as hipóteses seguen abertas" no accidente ferroviario de Adamuz, mais descarta unha sabotaxe
Interior e Transportes piden tempo para a investigación técnica, mentres a Garda Civil inmobiliza o vagón que descarrilou en primeiro lugar e a CIAF analiza vía e material rodante.
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou esta terza feira que "todas as hipóteses están abertas" para esclarecer as causas do grave accidente ferroviario ocorrido o pasado domingo en Adamuz (Andalucía), no que faleceron 41 persoas, se ben descartou expresamente a posibilidade dunha sabotaxe. O responsábel de Interior insistiu en que o Goberno español non manexa, a día de hoxe, ningún indicio que apunte a unha acción deliberada e subliñou que a investigación céntrase exclusivamente en cuestións técnicas.
Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, Marlaska remitiuse ao traballo da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), que deberá determinar as causas do sinistro. Segundo explicou, a comisión considera necesario analizar en laboratorio os carrís no punto exacto do inicio do descarrilamento, así como inspeccionar en taller a rodadura do tren Iryo implicado.
A investigación inclúe tamén a recompilación de datos de circulación facilitados por ADIF correspondentes aos dous días anteriores ao accidente e a revisión doutros trens que pasaron previamente por ese tramo. O obxectivo é detectar posíbeis marcas ou rozaduras na vía que poidan achegar información relevante. Fontes gobernamentais precisaron que ningún maquinista alertou de anomalías no trazado nos días previos ao sinistro.
Marlaska rexeitou ligar o accidente coas incidencias rexistradas na zona nos últimos meses e asegurou que todas elas foron "perfectamente solucionadas". Segundo detallou, desde maio rexistráronse oito incidencias, a maioría relacionadas coa sinalización ou coas catenarias, e só unha vinculada a vibracións da vía, ademais localizada nun punto próximo pero non coincidente co lugar do accidente. "Non teñen relación algunha co sucedido", afirmou.
Inmobilización do vagón número 6 do Iryo
Pola súa banda, a Garda Civil inmobilizou o vagón número 6 do tren Iryo, o primeiro en descarrilar, para analizar a súa posíbel implicación no sinistro. O ministro de Transportes, Óscar Puente, sinalou que este coche resulta chave para "encaixar as pezas do quebracabezas" e explicou que aínda non puidera ser examinado en profundidade. Os vagóns 7 e 8 xa foron inspeccionados polos especialistas, mentres continúa a revisión do resto da composición.
Desde Transportes tamén se descartou un fallo humano, ao confirmarse que ningún dos trens circulaba con exceso de velocidade. Puente rexeitou igualmente estabelecer relación algunha entre o accidente e as políticas de investimento ferroviario, defendendo que o debate sobre mantemento e financiamento da rede non explica o ocorrido en Adamuz.
O ministro do Interior pediu evitar conclusións precipitadas e apelou ao "rigor" nunha investigación que se atopa aínda nunha fase inicial. Garantiu que se chegará a coñecer a causa do accidente "á maior brevidade posíbel", ao tempo que defendeu a independencia e profesionalidade da CIAF.
Finalmente, a portavoz do Goberno, Elma Saiz, confirmou que tras o accidente houbo contacto entre os gabinetes do presidente do Executivo, Pedro Sánchez, e do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, así como comunicación directa co presidente da Junta de Andalucía, Juanma Moreno, para trasladar a información dispoñíbel sobre a evolución da situación.

