O BNG defende na última asemblea da ALE antes das eleccións que Galiza teña "máis peso" en Europa

A ALE aproba a proposta do Bloque para que os pellets sexan considerados contaminantes e reforzar a seguridade marítima.
Asemblea da Alianza Libre Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Asemblea da Alianza Libre Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

Unha delegación do BNG integrada pola eurodeputada Ana Miranda; o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela; a responsábel da área Internacional de Galiza Nova, Pilar Vázquez, e mais o integrante do BNG Emigración, Xano Chao, participa na asemblea da Alianza Libre Europea (ALE), o partido político europeo do que forma parte o Bloque na Eurocámara.

Esta asemblea xeral é a última antes das eleccións europeas do vindeiro 9 de xuño, No transcurso da asemblea aprobouse a moción proposta polo BNG para que os pellets sexan considerados contaminantes, de forma que avoga polo aumento da seguridade marítima en Europa.

Precisamente a proposta do Bloque, as verteduras de pellets e as perdas de contedores foron incluídos na Directiva sobre a contaminación procedente de buques, que modifica o texto actual 2005/35/CE, que ten o obxectivo de reforzar a aplicación e aplicación do Convenio Internacional para a Prevención da Contaminación polos Buques (MARPOL 73/78) da Organización Marítima Internacional (OMI).

Rubén Cela, Ana Miranda, Pilar Vázquez e Xano Chao. (Foto: Nós Diario)
Rubén Cela, Ana Miranda, Pilar Vázquez e Xano Chao. (Foto: Nós Diario)

Europa dos Pobos

"Queremos unha Europa dos Pobos, da igualdade, da Paz e da xustiza social, e non esta UE que nos leva á guerra”, destaca Ana Miranda, quen apunta que esta asemblea é a última que terá lugar antes da cita coas urnas de xuño. "Son unhas eleccións moi importantes para Galiza, pois en Bruxelas decídense unha boa parte dos intereses do noso país", apunta.

Miranda incide en que o BNG é "a forza política que combate o neofascismo, a que defende Galiza en Europa, a que traballa para que Galiza teña máis peso e a que loita por un mundo máis xusto, e por iso nas vindeiras eleccións europeas é vital para Galiza seguir tendo a voz firme do BNG no Parlamento Europeo". Para a eurodeputada nacionalista, desde o Bloque deféndese "unha Europa máis xusta e igualitaria, fronte a esta Unión Europea que condena os nosos sectores produtivos á desaparición".

A Alianza Libre Europea, creada en 1981 por oito partidos do espazo comunitario, traballa para facer da idea dunha 'Europa dos Pobos' unha realidade política e cultural a nivel europeo e internacional. Na actualidade reúne 49 partidos nacionalistas, rexionalistas e autonomistas de toda a Unión Europea, que representan nacións sen Estado, novos Estados emerxentes e minorías europeas. Centra a súa actividade na promoción do dereito á libre determinación dos pobos, os dereitos humanos, civís e políticos, así como a diversidade cultural e lingüística.

Comentarios