luns 25.05.2020

A asemblea anual da OMS, cercada por Trump e o virus

China deféndese das críticas dos Estados Unidos e da Unión Europea, asegura non temer unha investigación imparcial e promete que a vacina será un ben público mundial. 
O director da OMS, Tedros Adhanom, ante a prensa (Imaxe: OMS)
O director da OMS, Tedros Adhanom, ante a prensa (Imaxe: OMS)

A asemblea anual da Organización Mundial da Saúde (OMS), que arrancou nesta segunda feira, 18 de maio, e se prolongará durante a terza, é a primeira que se fai de maneira telemática e non chega só nun momento crucial de pandemia mundial, senón que tamén se desenvolve entre constantes ataques do Goberno dos Estados Unidos de América (EUA) á entidade internacional. A Administración de Donald Trump acusou nas últimas semanas a OMS de favorecer a China e cancelou, de facto, a súa colaboración económica, o que supón a perda para a OMS de 15% do seu orzamento. 

Precisamente, na fin de semana, o secretario de Estado dos EUA, Mike Pompeo, afirmou que "o mundo se ten que unir para impor o pagamento dos custos (da crise) a China até que esta cambie o seu comportamento", e acusou a potencia asiática de non ter partillado datos e de non ser transparente. Ademais, os EUA acusan o director xeral da OMS, o etíope Tedros Adhanom Ghebreyesus, de ter "confiado" nos datos das Administracións chinesas, sobre os cales estenden as súas dúbidas. Mais tamén a Unión Europea ten previsto presentar nesta asemblea da OMS unha proposta de resolución en que se pide unha revisión da xestión que a organización fixo sobre a pandemia, co obxectivo de buscar responsabilidades, segundo anunciou hai dez días o representante da UE para a Política Exterior, Josep Borrell.

O propio presidente chino, Xi  Jinping, foi quen tomou a palabra en representación do seu Estado nesta 73 asemblea anual da OMS. Segundo anunciou o mandatario, a China apoia a realización dunha investigación exhaustiva da resposta global á pandemia, unha vez que o coronavirus estea baixo control.

Nese sentido amosouse confiado cos resultados da investigación que se leva a cabo, se é imparcial, e remarcou no su discurso ante a asemblea o papel transparente do seu Goberno desde o primeiro momento en que se detectou o virus. Así mesmo, o Xi anunciou que a China proporcionará 2.000 millóns de dólares nos próximos dous anos para axudar a países afectados pola pandemia no plano socioeconómico. 

O presidente chinés tamén prometeu que calquera vacina que o seu país desenvolva contra a COVID-19 será de inmediato "un ben público" para todo o mundo. 

comentarios