Arxentina, a unha votación da fin da penalización do aborto

O proxecto de lei foi aprobado pola Cámara de Deputados e agora deberá ser debatido e votado polo Senado, que ten maioría do peronismo, impulsor da norma.  
EuropaPress_3473994_11_december_2020_argentina_buenos_aires_people_in_favour_of_abortion
photo_camera Celebración ás portas do Palacio do Congreso, onte en Bos Aires (Foto: Julieta Ferrario / ZUMA Wire)

A Cámara de Deputados da Arxentina ─Cámara baixa do seu Parlamento─ aprobou hoxe a lei de acceso á interrupción do embarazo voluntario e atención postaborto nunha sesión extraordinaria. O proxecto, que contou con 131 votos a favor, 117 en contra e 6 abstencións, deberá pasar agora ao Senado ─Cámara alta─ para debate e votación antes de rematar o ano 2020.

Hai dous anos, unha iniciativa similar tamén contou coa aprobación da Cámara de Deputados, mais foi rexeitada ano Senado por unha diferenza de sete votos (38-31). Desta volta, o Frente de Todos, a coalición peronista que sustenta o Goberno ten a maioría na Cámara alta.

A norma actual foi presentada en novembro polo presidente arxentino, Alberto Fernández, que anunciou o envío ao Congreso de dous proxectos de lei para que "todas as mulleres accedan ao dereito á saúde integral". 

O primeiro, legaliza a interrupción voluntaria do embarazo e garante que o sistema de saúde permita a realización en condicións sanitarias que aseguren a saúde e a vida. En concreto, a lei contempla a despenalización do aborto até a semana 14ª do embarazo. Despois dese período, a interrupción só será legal en casos de violación ou cando haxa risco para a saúde da nai, os dous únicos supostos que recolle a lexislación arxentina vixente.

O segundo proxecto institúe o programa chamado "Os mil días" co obxectivo de fortalecer a atención integral da saúde da muller que quere levar adiante o embarazo e das súas crianzas nos primeiros anos de vida.

 Miles de mulleres vestidas de verde, a cor que identifica a campaña polo dereito ao aborto legal, seguro e gratuíto, celebraron a decisión da Cámara de Deputados nas inmediacións do Palacio do Congreso.

Abortos clandestinos

Segundo datos extraoficiais, na Arxentina realízanse aproximadamente 450.000 abortos clandestinos, aínda que a cifra podería ser maior xa que non é controlada polas autoridades.

Durante 2018 morreron 257 mulleres embarazadas, 35 delas (13,6%) por un embarazo que terminou en aborto, segundo datos do Ministerio de Saúde. As mortes están vinculadas ás condicións onde se realiza a intervención. No ano 2016 máis de 39.000 mulleres ingresaron en hospitais por complicacións relacionadas con abortos: 16% tiña entre 10 e 19 anos.

Comentarios