VÍDEO

Pánico en Tokio: un avión de Japan Airlines con case 400 persoas a bordo aterra envolto en chamas

Toda a tripulación e pasaxe do voo 516 foi evacuada a tempo após chocar na pista de aterraxe contra unha aeronave que se dirixía a axudar as vítimas do terremoto. Faleceron cinco persoas das seis que viaxaban no avión da Garda Costeira.
Momento no que o avión comeza a arder. (Foto: NHK)
photo_camera Momento no que o avión comeza a arder. (Foto: NHK)

Un avión comercial da compañía Japan Airlines entrou en combustión na madrugada desta terza feira após bater de fronte contra outra aeronave nada máis tomar terra no aeroporto internacional da capital xaponesa, Tokio. As case 400 persoas que ían a bordo —367 pasaxeiros e 12 integrantes da tripulación— tiveron que ser evacuadas.

Un vídeo da canle de televisión local NHK difundido en redes sociais mostra o avión de pasaxeiros en movemento na pista de aterraxe e, de súpeto, envolto en chamas no medio dunha gran bóla de lume. Posteriormente a aeronave para e, após abriren as portas de emerxencias, decenas de persoas saen á carreira mentres os bombeiros tratan de sufocar o incendio.

Segundo fontes consultadas por NHK, toda a tripulación e pasaxe do voo 516 —procedente de Hokkaido— foi evacuada a tempo, sen que se lamentasen vítimas mortais. O avión co que se produciu a colisión pertencía a Garda Costeira do Xapón —apunta a canle internacional CNN— que se dirixía a unha base aérea en Niigata para axudar as vítimas do terremoto que sacudiu o país esta segunda feira. Porén, cinco dos seis tripulantes faleceron e a sexta conseguiu escapar, sinalan desde NHK.

Comentarios