Alerta por tsunamis no Xapón tras os sismos

As autoridades confirman a chegada de tsunamis á costa do Xapón após o sismo de magnitude preliminar 7,6 que sacudiu a costa oeste do país.

Unha pantalla amosa a noticia de alerta de terremoto e tsunami.
photo_camera Unha pantalla amosa a noticia de alerta de terremoto e tsunami.

As autoridades xaponesas confirman a chegada de tsunamis á costa oeste do Xapón, en particular á prefectura de Ishikawa, horas despois do sismo de magnitude preliminar 7,6 que sacudiu a costa oeste do país. Ishikawa estaba baixo "alerta de envergadura por tsunami", a primeira desta natureza desde o devastador terremoto de 2011, e que implica a aparición de ondas de entre tres e cinco metros contra a costa.

As autoridades tamén confirmaron a chegada de grandes ondas ás prefecturas de Yamagata, Niigata e Toyama. O sismo de 7,6 foi o máis intenso da cadea de 20 terremotos rexistrados entre as 8.06 e as 9.29 (hora galega) nas inmediacións da costa de Ishikawa e a veciña prefectura de Niigata.

A cidade de Wajima, na prefectura de Ishikawa, foi a máis afectada até o de agora polo sismo. As autoridades locais confirmaron que polo menos unha decena de edificios caeron e hai un número aínda indeterminado de persoas baixo as ruínas. Os bombeiros tamén están a combater un grande incendio declarado na cidade, recolle o 'Asahi Shimbun'.

O Goberno xaponés informa de que uns 30.000 fogares quedaron sen luz en toda a prefectura pero as centrais nucleares da zona non parecen estar afectadas. A operadora Kansai Electric Power Company non constatou danos nas centrais nucleares de Ohi e Takahama, na prefectura de Fukui, dúas das máis vulnerábeis do litoral oeste ante un posíbel sismo, recolle a cadea pública xaponesa NHK.

Tampouco se viu afectada de momento a central de Kashiwazaki-Kariwa, segundo un comunicado da Tokyo Electric Power Company (TEPCO) recollido polo 'Asahi Shimbun'. Os residentes da capital do país constataron tremores nos edificios como consecuencia do tremor pero de momento non se ten constancia de vítimas na metrópole.

No país tamén suspenderon o servizo de trens de alta velocidade Shinkansen.. Tamén se informa que unha estación de ferrocarril na cidade de Kanazawa quedou asolagada.

Comentarios