Ana Miranda participa na misión de observadores internacionais nas eleccións de Venezuela

A eurodeputada do BNG, xa no país latinoamericano, mantivo xuntanzas cos equipos de campaña de Hugo Chávez e Enrique Capriles
Ana Miranda
photo_camera Ana Miranda

A eurodeputada do BNG e integrante de Delegación do parlamento Europeo cos Países do Mercasur, Ana Miranda, está en Venezuela, onde forma parte da misión de observadores internacionais das eleccións que este domingo se celebran no país.

En virtude da súa función de observadora internacional, a eurodeputada nacionalista mantivo sendas xuntanzas cos equipos de campaña do actual presidente Hugo Chávez e do candidato opositor, Enrique Capriles. Alén diso, Ana Miranda procedeu a visitar as instalacións das mesas electorais.

O Consello Nacional Electoral (CNE) venezolano convidou a representantes de diversos países do mundo, desde parlamentarios a xornalistas ou integrantes de organismos laborais; a formaren parte do Programa de Acompañante Internacional Electoral, unha ferramenta que da visibilidade internacional ás garantías coas que se desenvolven os comicios en Venezuela.

Por mandato do CNE, Ana Miranda realizará as súas funcións no estado federado de Zulia. Unha vez que finalice o proceso electoral, a eurodeputada participará na elaboración do informe sobre os comicios.

Sistema electrónico automatizado

As votacións deste domingo en Venezuela celebraranse mediante sistema electrónico automatizado, coñecido como sistema de integración integrado (SAI) e certificado como un dos máis seguros do mundo, unha ferramenta que permita autentificar ao elector certificando a súa identidade na máquina de votación co número de identificación e pegada dactilar. 

Comentarios