luns 13.07.2020

América Latina abeira os 2,5 millóns de contaxios e achégase a Europa

A situación agrávase pola falta de recursos e a chegada a semana pasada do inverno.
Persoas en Tijuana na fronteira cos Estados Unidos (Omar Martínez / dpa)
Persoas en Tijuana na fronteira cos Estados Unidos (Omar Martínez / dpa)

Os casos de coronavirus en América Latina aproxímanse aos 2.5 millóns, co que a rexión se coloca como a segunda máis afectada pola pandemia, despois de América do Norte.

A COVID-19 propagouse a un ritmo especialmente rápido entre maio e xuño, o que levou a OMS a situar a rexión, como o novo epicentro mundial da pandemia. A situación agrávase pola falta de recursos e a chegada a semana pasada do inverno.

Segundo as últimas cifras, América Latina ─cuns 650 millóns de habitantes─ rexistra 2.480.821 contaxios e 112.104 falecidos desde o inicio da pandemia. Os casos aumentaron nun millón nos últimos 18 días, debido ao avance xeneralizado dos contaxios principalmente no Brasil, que é o país máis golpeado con máis da metade dos contaxios (1.345.254) e das mortes (57.658).

Perú é o segundo país da rexión en número de contaxios, con 279.419 casos desde que se rexistrou o primeiro no país, o pasado 6 de marzo. Segundo unha recente enquisa, 58% da poboación cre que a corentena xeral debería continuar.

México é o terceiro país latinoamericano máis afectado pola pandemia, con 216.852 casos acumulados e 26.648 decesos. Con todo, as autoridades sanitarias advirten de que a cantidade real de persoas infectadas pode ser máis alta do que se puido confirmar mediante as probas.

En Chile, o Ministerio de Saúde informou de que a cifra de contaxios chegou a 271.982. A respecto das mortes, 6.089 pacientes pereceron, con confirmación de laboratorio, e 2.846 perderon a vida sen confirmación diagnóstica, é dicir, como sospeitosos e probábeis da COVID-19

En Europa, con 750 millóns de habitantes, hai actualmente 2.566.907 casos acumulados do total mundial de 10.168.657, segundo datos recollidos pola Universidade Johns Hopkins.

comentarios