domingo 29/11/20

As alteracións no Orçamento para 2021 volven achegar PS e Bloco en Portugal

Os socialistas queren conseguir a abstención do BE. A líder desta última formación, Carolina Martins, agarda que os socialistas dean "outro paso".
A portavoz do Bloco de Esquerda, Catarina Martins, nunha foto de arquivo (Foto: Bloco de Esquerda)
A portavoz do Bloco de Esquerda, Catarina Martins, nunha foto de arquivo (Foto: Bloco de Esquerda)

Catarina Martins, coordinadora do Bloco de Esquerda (BE), manifestou que é preciso que o Partido Socialista (PS) corresponda ao paso de achegamento que foi dado polo seu partido no ámbito das propostas de Orzamento do Estado para 2021 (OE 2021).

Fíxoo esta segunda feira en conferencia de prensa tras unha reunión, por videoconferencia, con representantes do sector da hostalaría.

O 27 de outubro, o Goberno do socialista António Costa logrou en sede parlamentaria a aprobación inicial do OE 2021. Fíxoo malia o voto en contra do BE, o seu socio nos últimos anos, e grazas ao único apoio dos 108 deputados do PS.

O Partido Comunista de Portugal (PCP), o ambientalista Pessoas–Animais–Natureza (PAN), o Partido dos Verdes (PEV) e as deputadas non inscritas Joacine Katar Moreira e Cristina Rodrigues abstivéronse.

Durante as dúas últimas semanas os membros do Gabinete de Costa pasaron polas distintas comisións parlamentarias para analizar as políticas sectoriais a respecto do OE 2021. Tamén compareceron diferentes entidades como o Tribunal de Contas ou a Associação Nacional de Municípios.

Dez propostas

A pasada sexta feira foi o derradeiro día para presentar propostas de alteración, que serán votadas entre os días 20 e 26 de novembro. O PS presentou dez para, segundo os medios lusos, lograr a abstención dos seus antigos socios o 26, cando será tamén a votación final global.

Martins, cuestionada sobre se houbo algunha evolución nas conversas co Goberno, afirmou que o BE presentara algunhas propostas "ligeiramente diferentes no sentido de se aproximar mais das posições do PS".

"Fizemos um grande esforço de convergência nas propostas que apresentamos, indo ao encontro de algumas matérias que eram importantes para o PS. Precisamos agora que seja dado o outro passo também de alguma aproximação", pediu a líder do BE.

comentarios