Albert Botran: "Hai que entender esta amnistía non como un punto final senón como un punto de partida"

Albert Botran, licenciado en Historia e deputado da CUP na anterior lexislatura española, chegou esta semana a Compostela para presentar o seu libro 'Independencia e revolución: A soberanía nun tempo de crise', publicado por Tempo Galiza Editora. Conversamos con el sobre o contexto político en Catalunya.
Albert Botran, esta sexta feira, na redacción de 'Nós Diario' (Foto: Arxina).
photo_camera Albert Botran, esta sexta feira, na redacción de 'Nós Diario' (Foto: Arxina).

—Que levou o pobo o catalán a levantarse contra o Estado español?
Existen razóns históricas, trátase dunha tensión que sempre houbo, mais o que dá orixe ao procés independentista na época máis inmediata é o fracaso dunha opción de renovación do pacto autonomista, como foi o Estatut, que provocou unha reacción de abaixo arriba que radicalizou as demandas, e que fixo ao pobo ir a por todo e loitar por exercer a autodeterminación. 

—Pasaron xa seis anos desde o punto álxido que supuxo o referendo. Segue habendo procés?
Creo que ese procés non, segue existindo un independentismo que é moito máis forte que hai 10 anos, e tamén o conflito, mais non hai un procés en marcha.

—Que papel xogan as negociacións de investidura no conflito?
De ser posíbel conseguir algúns avances tácticos que consoliden posicións sería positivo, e a amnistía podería selo. Mais hai que entender esta amnistía non como un punto final senón como un punto de partida, como unha aceptación da lexitimidade da loita de 2017 pensando no futuro, en voltar a desenvolver un novo procés e en que o Estado non poida usar as mesmas armas represivas que empregou. 

—É posíbel que as negociacións provoquen un referendo?
A parte catalá introduce o referendo nas negociacións e o Parlament aprobou apoiar esta reivindicación. Mais, evidentemente, a parte española non quere oír nada diso. O que ten claro a CUP é que dunha negociación de investidura non sae un referendo, pois iso gáñase con mobilización na rúa.

—Un pacto de investidura que se circunscriba á amnistía sería unha volta ao punto de partida?
Non debería selo. A motivación para a amnistía é desarticular a represión. O que impide que Catalunya chegue á independencia é fundamentalmente isto, non é que non existan maiorías ou que esteamos divididos, son problemas secundarios. O problema principal é que hai unha forza represiva para frearte. Unha forza que non correspondía usar,  porque empregaron a doutrina antiterrorista contra un movemento pacífico de desobediencia civil. 

—Ten medo de que se negocie unha amnistía "a medias"?
Sería un erro que se repita o esquema dos indultos, pois separou as persoas represaliadas. Non poño en dúbida que os presos levaron a peor parte da represión, mais tamén está a xente involucrada en procesos xudiciais e pendente de penas de cadea, de multas ou de embargos, e a esa xente os indultos non lle beneficiaron. Foi unha estratexia do Estado para dividirnos, polo que sería un erro conseguir unha amnistía só para algúns.

—Vostede loitou para que se fale catalán, e galego, no Congreso.
A fase que chegou despois do procés serviu para algunhas cousas, entre elas para pór o foco na cuestión da lingua. Chegou a parecer secundaria, un problema a arranxar tras a independencia. Agora vemos que a independencia non é unha cuestión a curto prazo e que o catalán retrocede, e como sen idioma non hai nación, houbo un cambio no independentismo para preocuparse pola normalización lingüística.

Que se poida falar catalán no Congreso ten un risco de que a efectos propagandísticos se lle dea una maquillaxe plurinacional a un Estado que non o é, mais ten unha parte positiva, unha inxección de autoestima ás persoas falantes que ten que repercutir na sociedade. O importante non é que se fale no Congreso, é un símbolo que ten que servir como unha ferramenta para superar os problemas que temos para vivir no noso idioma.

"A CUP precisa unha fase de refundación"

Albert Botran considera que a CUP obtivo uns malos resultados nas eleccións municipais, salvo na circunscrición de Girona, "onde foron bos e incluso se conseguiu a Alcaldía da capital". Para el, "isto foi un síntoma de crise, que se constatou ao non obter representación no Estado". "A organización acerta ao formular o futuro en clave de refundación, sen culpar outros, senón recoñecendo que algo non se está facendo ben". Segundo Botran, "o independentismo ten que volver a unha ofensiva, marcando obxectivos para o país na próxima década". Porén, sinala, "agora temos un independentismo sen rumbo, moi dividido e máis preocupado pola pugna entre Junts e ERC que por outras cuestións". A CUP "ten que incidir nunha estratexia a futuro, mais para isto ten que crecer para poder falar en igualdade de condicións a outras forzas".

Comentarios