martes 04/08/20

A ONU vota, máis un ano, contra o bloqueo a Cuba

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aproba esta terza feira máis unha resolución a prol do levantamento do bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos EUA contra Cuba. Desde 1992, o órgano plenario da ONU, insta o goberno estadounidense a pór fin ás sancións aplicadas desde hai medio século.
Mural contra o bloqueo en Cuba
Mural contra o bloqueo en Cuba

Desde o estabelecemento do bloqueo económico, comercial e financeiro imposto a Cuba en 1962, o goberno estadounidense desenvolveu innumerábeis medidas sancionadoras contra a illa encamiñadas en última instancia a procurar o derrocamento do goberno revolucionario. As leis aprobadas polas sucesivas administracións norteamericanas desde Eisenhower até Barack Obama, resultaron gravemente prexudiciais para a economía e sociedade cubanas que, no entando, conseguiu superar todos os atrancos e converterse, após cincuenta anos de bloqueo, nun dos territorios máis desenvolvidos da rexión América do Sur e o Caribe --segundo o Índice de Desenvolvemento Humano elaborado polas Nacións Unidas. Así mesmo, mantivo malia todas as adversidades, un ensino e sanidade públicas, que a sociedade estadounidense nunca chegou a albiscar.

Após o derrubamento da URSS, a política norteamericana contra Cuba recrudeceuse, porén, o goberno revolucionario procurou o apoio internacional na búsqueda de rematar coas sancións impostas polos EUA. Neste sentido, desde 1992 a Asemblea das Nacións Unidas --como se dun ritual anual se tratase-- vén aprobando unha resolución en que demandan ao goberno estadounidense o levantamento do bloqueo económico, comercial e financeiro imposto contra a illa.
Máis un ano, esta terza, os Estados membros das Nacións Unidas, votarán (e aprobarán) o mesmo texto.

Vinte anos de resolucións
Desde o inicio da década dos noventa, ano a ano, os 193 Estados que toman parte da organización internacional, someten a debate e votación unha proposta achegada persoalmente polo ministro de Relacións Exteriores cubano. No texto, a Asemblea Xeral "decidida a fomentar o estrito respecto e principios consagrados na Carta das Nacións Unidas", entre eles o principios de igualdade soberana ou a non intervención nin inxerencia nos asuntos internos doutros Estados. Así pois, a Asemblea "exhorta a todos os Estados" a se absteren, no cumprimento da propia resolución, "de aplicaren leis e medidas do tipo referido no preámbulo", nomeadamente a aqueles, di, que posúan este tipo de normas nos seus ordenamentos xurídicos internos.
Desde 1992, foron moitos os Estados membros da ONU que --rachando coas presións diplomáticas e económicas exercidas polos EUA-- apoiaron co seu voto favorábel a resolución presentada pola delegación cubana. Asi, na primeira das ocasións tan só 59 dos 193 Estados apoiaron Cuba, mentres que en 2010 sumaban 187 os que deron o seu voto a favor. Porén, Israel e EUA manteñen a súa oposición e voto en contra.
Esta terza, o pleno da Asemblea Xeral votará máis unha vez a prol do levantamento do bloqueo que cumpre xa cincuenta anos.

NOTA: No número 24 do semanario Sermos Galiza abordaremos o medio século transcorrido desde a imposición polos Estados Unidos do bloqueo económico, comercial e financeiro a Cuba.

comentarios