Polo de agora, 77 persoas faleceron debido ao furacán Ian que azouta os EUA

Florida e Carolina do Norte están a ser os estados máis afectados por este fenómeno meteorolóxico.
Danos do furacán Ian no estado de Florida dos EUA. (Foto: Europa Press)
photo_camera Danos do furacán Ian no estado de Florida dos EUA. (Foto: Europa Press)

O furacán Ian, que azouta os EUA desde a pasada cuarta feira, deixa, polo de agora, 77 falecementos nos estados de Florida e Carolina do Norte.

Este fenómeno meteorolóxico tamén está a provocar inundacións, cortes de enerxía e unha destrución masiva tras rexistrar ventos de até 241 quilómetros por hora.

O furacán ten unha categoría de nivel catro, e continúa a afectar a costa leste dos EUA con fortes choivas e marusías ciclónicas causando a morte de case 80 persoas, segundo datos da cadea de televisión estadounidense NBC.

A propia NBC informou de que o gobernador de Florida, Ron DeSantis, sostivo que se levaron a cabo polo menos 1.100 rescates desde que o furacán tocou chan estadounidense.

Cortes de enerxía

Onte, o contraalmirante Brendan McPherson, que está ao mando da Garda Costeira nos estados de Florida, Xeorxia, Carolina do Sur, Porto Rico e as Illas Virxes de Estados Unidos, afirmou no programa Today Show que os cortes de enerxía estaban a complicar os esforzos de rescate, xa que as persoas afectadas non tiñan servizo de telefonía.

Tamén explicou que se accedeu á maioría das áreas que quedaran illadas no suroeste de Florida por aire ou mediante equipos urbanos de procura e rescate que foron de porta en porta en bote.

Pola súa banda, o Centro Nacional de Furacáns (NHC) xa advertira sobre posíbeis inundacións repentinas en áreas urbanas e rurais dos Apalaches centrais e a rexión sur do Atlántico Medio durante esta fin de semana; tamén esperan acumulacións récord de auga en Florida.

Comentarios