40 mortos nas protestas para que o Rei abdique en Esuatini

Non van parar até que chegue a democracia, advirten os manifestantes, días despois da fuxida do Rei a Sudáfrica e da intensificación da represión.
O Rei Mswati III, que leva no poder desde 1986.
Edwin Remsberg / VWPics / Zuma Press / Contactphoto
photo_camera O Rei Mswati III, que leva no poder desde 1986. (Foto: Edwin Remsberg / VWPics / Zuma Press / Contactphoto)

Cando están a piques de facerse dúas semanas desde o comezo das protestas contra o Rei de Esuatini, a última monarquía absoluta de África, e días despois de que se vira obrigado a fuxir cara Johannesburgo (Sudáfrica), intensifícanse as protestas para democratizar o país no medio da represión do Exército, que deixa 40 persoas mortas e 150 feridas, confirma o Swaziland News.

Porén, as autoridades non brindaron até o de agora ningún balance de vítimas, todo isto no medio dun feche informativo e da suspensión de internet no país, que hoxe confirmou o grupo MTN, a principal operadora, facendo imposíbel acceder aos principais medios do Estado, o Swazi Observer e Times of 
Swaziland
.

As protestas comezaron o 20 de xuño, cando centos de persoas saíron a rúa para pedir a elección democrática do Goberno, de xeito paulatino foi aumentando o número de manifestantes até que o 28 de xuño foi suspendida a entrega de peticións ao Rei Mswati III. Isto, sumado a represión, derivou no impulso das protestas, coa queima de propiedades atribuídas o monarca.

“A xente debe actuar contra as propiedades e empresas do rei Mswati”, incidiu Kungahlwa Kwenile, un dos principais líderes do movemento prodemocracia. “Precisamos escolas, pero preferimos empezar de novo cun novo Goberno que permitir que se toleren os disparos contras os cidadáns”, explicou.

“A monarquía non ten ningún papel que xogar no futuro do pobo de Esuatini. A monarquía debe ser arrincada e botada ao lixo da historia”, sostivo Kenneth Kunene, secretario xeral do Partido Comunista suazi, que lidera as protestas xunto a Pudemo, o seu presidente, Mlungisi Makhanya, sinalou que “os responsábeis de emitir e executar estes actos xenocidas teñen que ser arrestados, xulgados e castigados”.

O Goberno de Sudáfrica, principal socio comercial de Esuatini, transmitiu a quinta feira que os incidentes “son inaceptábeis”. “Estamos particularmente preocupados polas informacións sobre vidas perdidas e destrución de propiedades”, solicitando o Goberno suazi “total contención” e respectar “as cláusulas constitucionais e as leis”, lembrando que o “dereito á protesta pacífica está recoñecido de maneira universal”.

O Partido Comunista de Sudáfrica, que forma xunto ao Congreso Nacional Africano e a central sindical COSATU a alianza que goberna en Sudáfrica desde o final do apartheid, comunicou onte as súas condolencias polas mortes e condenou a “violencia do Estado contra o pobo”, apoiando a loita pola democracia que se está a desenvolver  e reclamando ás empresas que cesen as súas actividades até que remate a represión contra as protestas.

Pola súa banda, Moussa Faki, presidente da Comisión da Unión Africana, condenou “os incidentes de violencia que levaron a perder vidas” e amosou a súa preocupación “pola situación política e de seguridade”, solicitando un diálogo “construtivo para unha resolución pacífica dos problemas”.

Comentarios