27 decesos tras arrasar Acapulco un furacán con ventos de 268 km/hora

Catro persoas continúan desaparecidas.
Estrada bloqueada en México polos efectos do furacán Otis. (Foto: Dassaev Tellez Adame / Europa Press / Contacto)
photo_camera Estrada bloqueada en México polos efectos do furacán Otis. (Foto: Dassaev Tellez Adame / Europa Press / Contacto)

Rosa Icela Rodríguez, secretaria de Seguridade e Protección Cidadá de México, confirmou hoxe que cando menos 27 persoas faleceron, e catro están desaparecidas, tras o paso do furacán Otis polo Estado de Guerrero, logo de tocar terra en Acapulco con ventos de 268 km por hora e refachos de até 315 km/hora.

En Acapulco, unha importante zona turística do país americano, foi afectado o servizo eléctrico, o sistema de telefonía e a conexión a internet. Asemade, Icela fixo fincapé en que o sector hoteleiro foi o máis danado por mor do furacán, que tamén causou estragos na rede de alerta anti sísmica da localidade.

Otis converteuse no primeiro furacán de categoría 5 -a máis alta- en tocar terra en México procedente do océano Pacífico. Arturo Islas, investigador de cambio climático na Universidade Nacional Autónoma de México, vinculou o fenómeno extremo co quecemento global, e advertiu no xornal El Universal de que cada vez serán máis frecuentes no caso de que non se tomen medidas para reverter os efectos da 
mudanza climática.

Comentarios