A influencia francesa na Galicia plenomedieval

En vez de insistir no desfasado modelo da “Reconquista”, de marcado talante ideolóxico, sería moito máis frutífero indagar no papel desempeñado pola influencia alternativa de dous ámbitos veciños e en competencia, o andalusí e o franco.
O compostelán Pazo de Xelmírez, poderoso persoeiro da época.
photo_camera O compostelán Pazo de Xelmírez, poderoso persoeiro da época.

O emprazamento xeográfico de Galicia, elo de conexión entre as áreas mediterránea e nor-atlántica, constitúe un factor determinante da historia do país desde os tempos máis remotos. Situándonos agora no período medieval, en vez de insistir no desfasado modelo da “Reconquista”, de marcado talante ideolóxico, sería moito máis frutífero indagar no papel desempeñado pola influencia alternativa de dous ámbitos veciños e en competencia, o andalusí e o franco. Desde a súa creación no século VIII e ao longo da alta Idade Media, o reino galego desenvolveuse nun contexto de equilibrio entre ambos, que se altera a principios do XI, cando o califato cordobés se disolve e, en consecuencia, se impón o feudalismo cristián centroeuropeo (francés), acontecemento de enorme efecto a longo prazo.

Sinalar momentos de inflexión no devir histórico dunha sociedade conleva sempre un elevado grao de relatividade, dependente en boa medida dos presupostos con que a observamos e dos medios de que dispoñamos para facelo. Aínda así, en certos casos existe consenso, como acontece co período que transcorre entre mediados do século XI e mediados do XII, época de expansión europea en medio de transformacións xeneralizadas. En Galicia é a Era Compostelana: Compostela eríxese en referente de toda Europa, e un controvertido personaxe, Xelmírez, detenta un indiscutible protagonismo do que deixou constancia escrita.

A importancia do período non admite dúbidas, entre outras razóns porque as transformacións estruturais (nos terreos económico, demográfico, social e político) tiveron un correlato artístico e cultural, proxectado con tal intensidade ata o presente que a súa ausencia faría irrecoñecible o noso mundo. O dito vale para todo o occidente europeo, e algúns historiadores téñeno descrito como revolución feudal, expresión da que é preferible fuxir por fidelidade ao cabal sentido da palabra ‘revolución’, pois é dubidoso que aqueles cambios tivesen un contido social progresista.

Época dourada

En Galicia o resultado foi tan substancial que tal vez esas décadas constitúan o momento culminante da nosa historia. Coincidiremos con Otero Pedrayo na súa estimación de ser a arte románica un dos elementos máis sobresalientes da nosa personalidade nacional. Múltiples aspectos cambiaron daquela en Galicia, e fixérono en profundidade. Non esaxeraremos afirmando que é entón cando nace a Galicia actual (e outros ámbitos veciños, como Castela e Portugal), singularizándose de maneira definitiva a partir daquel amplo espazo da Gallaecia altomedieval, herdeira da suevoromana.

Fixémonos tan só nun par de transformacións superestruturais, indicadores externos do proceso global: a poderosa irrupción do novo estilo artístico, o románico, capaz de desprazar por completo o preexistente, do que apenas quedaron máis que rastros fragmentarios, e a substitución do tipo de letra que viña sendo usado polos notarios ininterrompidamente desde época romana. Ambas cousas propoñen unha reflexión insuficientemente explorada.

Mudanzas profundas

Intentaremos resumir as mudanzas profundas de que falamos: a riqueza e o poder concéntranse nunha oligarquía aristocrática, un corpo restrinxido da alta nobreza, que se blinda e perpetúa mediante a consolidación dos lazos de parentela, configurando liñaxes exclusivas, e un alto clero episcopal e monástico. Ambos grupos benefícianse da súa privilexiada posición ao redor dunha Monarquía máis complexa e eficiente que a dos tempos anteriores, así como, naturalmente, da drenaxe dunha riqueza agraria en crecemento, en forma de rendas.

Todo iso a costa da paulatina desaparición da propiedade libre dos campesiños e da xeneralizada conversión destes en arrendatarios (foreiros), transferencia da propiedade que se realiza por diferentes medios, sen excluír unha voluminosa falsificación de documentos por parte da Igrexa. Mais tamén a costa dunha boa parte da propia nobreza, daqueles que por un motivo ou outro (por exemplo, o compromiso cun candidato rexio derrotado) se viron excluídos dos máis elevados círculos do poder político ou incluso expropiados dos seus recursos. Os mosteiros familiares representaran un útil instrumento de acumulación de riqueza e de dominio ideolóxico en mans da nobreza que os fundaba e dotaba, pero agora as ordes bieitas de Cluny e, sobre todo, de Císter, absorbéronos e alzáronse elas cun dominio monopolístico que alterou o antigo monacato galego.

O papado leva a iniciativa neste proceso (reforma gregoriana), que supuxo a unificación do ritual litúrxico da cristiandade occidental. O representante en Galicia das directrices papais é Xelmírez, en contacto directo co papa Calixto. O seu rápido ascenso persoal (de administrador da diocese compostelá a primeiro arcebispo da mesma e señor temporal da cidade) baliza o triunfo da reforma e a consolidación da hexemonía eclesiástica en Galicia. Mais o protagonismo das referidas ordes monásticas acusa tamén a decisiva influencia das pautas políticas franco-borgoñonas, que se expanden ata Galicia en dirección leste-oeste.

A pegada franca

Por iso, se querendo afinar máis a cronoloxía procurásemos a exactitude dun ano para datar o inicio dos cambios, escolleriamos o 1037, cando o rei galaico Vermudo III morre en batalla contra o seu cuñado Fernando, episodio narrado con ornamentos heroicos: Vermudo era novo e impulsivo e o seu cabalo corría de máis. Cando quixo darse conta deixara atrás o seu exército e atopouse só entre os inimigos; unha lanza atravesoulle o cranio. Fernando, conde de Castela por parte de nai, era fillo do rei de Navarra.

Con el, unha vez coroado rei en León, foron chegando ao reino galaico (non sen resistencias) os usos franceses. Como estilo artístico imponse o románico (de procedencia francesa), eliminando o que había da antiga arte galaica (os tradicionais arcos de ferradura, rastrexables ata época romana, son substituídos polos de medio punto); a vella letra usada por notarios e escribáns deu paso á carolina, tamén chamada francesa. E non pasemos por alto que debe ser tamén probablemente no século XI cando naza a literatura lírica dos cancioneiros, de ostensibles conexións provenzais.

Non é fortuíto que naquelas datas atopemos un elevado número de personaxes francos ocupando cargos do máximo relevo no organigrama político-eclesiástico galaico, entre eles –como non destacalo!– os condes Reimundo de Borgoña e Henrique de Lorena, dos que procederán as respectivas dinastías rexias de Galicia-León-Castela e Portugal.

As relacións de Galicia con Francia non eran algo novo. A propia constitución do reino altomedieval ao redor de Oviedo e Compostela e a paralela creación do fenómeno xacobeo revelan a intervención carolinxia (do propio Carlomagno). Mais agora, na plena Idade Media, os contactos intensifícanse, deixando unha pegada nítida nos máis variados trazos da nosa identidade nacional. Enténdese así que nas primeiras décadas do século XII, cando o clérigo francés Aimeric Picaud chega en peregrinaxe a Compostela, faga constar no seu diario do Liber Sancti Iacobi que os galegos eran as xentes máis semellantes aos seus paisanos.

Máis en Información do Reino
Comentarios