Fradegunda e o voo do pergameo...

A escritora Emma Pedreira e o escritor Héitor Picallo resgatan para 'Sermos Galiza' a historia do pergameo de Fradegunda, que cumpriu 1.120 anos e que tras un periplo polo país foi parar ao Arquivo Histórico Universitario de Compostela.
Igrexa e cruceiro de Arcos de Furcos.
photo_camera Igrexa e cruceiro de Arcos de Furcos.

Para nada lle treme a man. E mentres pensa no que fca recollido no anaco de coiro e a xeito de sinatura, traza un círculo cunha aspa no seu interior que confgura catro porcións case exactas, en dúas das cales inscribe un punto. As ringleiras de tinta que foi deixando o cálamo do amanuense –tal fose un agasallo para tempos futuros– atesoura o nome desta muller, hogano un tanto exótico, e o desexo de se entregar xunto coas súas posesións a un abade de nome Adaulfo.

A relixiosa dise Fradegunda, e no momento de asinar o pacto de renovación monástica, permanece xunto a outros monxes –e tal vez monxas– pois o cenobio (observante da regra de San Froitoso) alberga unha comunidade dúplice: mulleres e homes xuntos, en plena natureza, retirados do mundo e á sombra dun castro, denominado de Arcos, non lonxe das Augas Quentes de Cuntis. Alí redactan o documento, no interior dun templo que se ve protexido polo apóstolo dos suevos, San Martiño de Dumio, e polo mártir lisboeta San Breixo. As dependencias mimetizan cos herbais e eixidos, co monte baixo e as pequenas fragas. Sisnando, Trutesindo, Gundesindo, Fortunit, Anaxildo, Fromicuro, Vexito e o referido abade serán parte da familia monástica que continuará a vivir alí, nese ano de 898 cando outro Sisnando terma da mitra e do báculo de Iria e Compostela.

Disque o mosteiro, coma outros dúplices, bebe do espírito da igrexa céltica, de modelos orientais e da tradición priscilianista, onde mulleres e homes comparten protagonismos semellantes. E se cadra por iso, séculos atrás, fora combatida tal corrente doutrinal –máis harmónica, abofé, co mundo e os sexos– nun concilio celebrado non lonxe da xeografía cuntense, nomeadamente en Celenes (terra de augas sulfuradas, tamén na bisbarra do Umia, hoxe identifcada con Caldas de Reis).

[...] Unha esfera, redondel liso coutado por unha cruz. Das catro partes que divide, dúas sinaladas cunha coviña feita coa punta do dedo, nas outras dúas, nada. E unha oración, algo dito así como que nin demo nin trebón corten a cocedura, pola santa maría e noso señor, este pan medre como o día dura. E despois enfornar, cada familia o seu, no comunal. Os bolos da súa casa levaban aquel sinal para diferenciarse; as catro criaturas que eran, dúas mozas, fncaban en redondo cadanseu dedo e eles fóra, nos campos, cos animais. Ela, a maior, metía a punta do dedo na masa durante un anaco máis, tiña máis forza ou máis fame. Niso pensaba agora mentres riscaba co cálamo sobre o pergameo a cruz que separaba en catro a perfecta redondura da que sería a súa sinatura por sempre. O pelello recendente, o atramentum sanguino, non era como chantar o dedo no pan cru. Aquilo implicaba un pacto, o seu nome entre tantos e, no seu nome, eles catro ao quente na circunferencia que lembraba o van familiar, aquel do que marchou como vinculeira pero das de deus, que xa o levaba no nome, Fradegunda [...].

Con pulso firme

Para nada lle tremelicou o pulso, nin lle suaron as mans malia que ignora o que vai acontecer dous séculos máis tarde, cando a comunidade relixiosa se une á de San Paio de Antealtares, tempo despois de que Almanzor puxese armas e lume na cerna da cidade do apóstolo. Fradegunda fca inmortalizada no pergameo que vai parar xunto co resto do scriptorium ás instalacións de Antealtares despois de 1038. Este e outros documentos abandonan o cenobio de Arcos, baixan cara ao val de Vea, cruzan o río Ulla en carros levados por xugadas de tiro, traspasan os lenzos de Compostela e voan coma un enxame cara ao interior do trobo conventual.

[...] Sangue de boi sobre pel de cervato ou, por como cheira baixo a tona de pedramol, de año; a carta pecorina faise para dar consentemento e realidade. Ao mesmo tempo sobre a pel da miña coxa déitase ao chan sangue de meu mentres os ollos dos sete frades ignoran o que non sexa Ego Fradegunda deo vota vobis... Asinar baixo retorzóns animais algo que vai da miña voz ao mundo; da miña voz, que non da miña man que só sabe de facer a rúbrica e a cruz. Sigo escollendo que sobre de min ningún home faga uso humano deste sangue. Escollo con esta tinta vermella coa que asino, ser eu tan alta como o resto e tan válida no goberno, man efciente, guía exacta, cabeza de fe. Non sei escribir, pero limito ao sul coa lentura da terra e no meu norte cos designios de Deus. Ego Fradegunda, subscribo [...].

En San Martiño Pinario

O mosteiro santiagués alberga tan só unha comunidade de monxes, xa que as dúplices están a ser prohibidas por medio de normas canónicas, concilios e bulas pontifcias. Transcorridas catro centurias, Antealtares anexiónase a San Martiño Pinario xusto despois de que prosperasen as intencións de Isabel e Fernando. Os monarcas, que visitan a cidade en 1486, movidos polas políticas que promove a Congregación de San Bieito de Valladolid, procuran que tanto o mosteiro de San Pedro como o de San Paio se unan a San Martiño, sempre que este último bote man do Hospital Vello da cidade.

E velaí colle rumbo de novo o pergameo de Arcos de Furcos, desta volta cun traxecto ben curto, pois só debe saír de Antealtares pola Acibechería cara á Porta da Pena e, de aí, a San Martiño para se depositar nunha das gabetas do scriptorium desta comunidade regular que se une a aquela congregación en 1494. Xa pasaran máis de cincocentos anos dende que Fradegunda asinara sen bracuñar de frío nin lle tremelicar a man, e o coiro de paleografía visigótica aínda ha seguir nas novas instalacións durante catro séculos, entre magalóns de pergameos e regueiros de tinta –algúns xa (re)velados–.

Na modernidade decidua, fúe de novo o sangue por entre as lousas –como tapias– da cidade. Todo se mestura coa pólvora, entre os coágulos, os coiros, a rixidez da morte e o esterco. As tropas de Napoleón introdúcense no país e en Compostela instalan unha das súas residencias en San Martiño Pinario, onde se acomodan cabo dos monxes ao tempo que buscan espazo para as cabalerías. Quen sabe se os documentos que se apiñan no arquivo monástico serven de parapeto para frear proxectís e baionetas, como así aconteceu con Solís logo do 5 de abril de 1846. Tan útiles lle foron ao coronel que até os emprega de combustíbel calefactor.

Mais o pergameo conservarase, raído e sucio, nas bandadasde documentos que ergueron alas despois das desamortizacións (1835-1860 )para ir parar aos recintos do concello santiagués. Nunca había fuxir a Madrid para que servise de alimento aos fondos que atesouran parte dunha nosa historia sen data de caducidade. A freira fca en Compostela, entre os cartafoles da Biblioteca da Universidade e, arestora, no Arquivo Histórico Universitario de Santiago (fundado en 1968). Repenican alí os seus mil cento vinte anos, os do pergameo, onde recuperamos o seu tacto e o recendo da sinatura de Fradegunda, co seu redondel e cruz a xeito de molete de pan que entra no forno para nos traer o sabor do tempo, o gusto pola historia e as fragrancias da terra que tamén é lingua.

[...] Ego Fradegunda, subscribo [...].

Máis en Información do Reino
Comentarios