A fortuna historiográfica do Rei Don García

A sombra do esquecemento, cando non da deturpación, rodeou o Rei de Galicia até non hai moitos anos.
Sinatura do rei García.
photo_camera Sinatura do rei García.

Cursei os meus estudos de Historia entre os anos 1981 e 1986. Xa van alá moitos anos e, polo tanto, pódeme fallar a memoria, mais o certo é que non son quen de lembrar que se nos falara do rei Don García, mesmo do Reino de Galicia, na Idade Media. Esta pequena lembranza persoal pode vir ben acaída para comprobar como a sombra do esquecemento, cando non da deturpación, rodeou o Rei de Galicia até non hai moitos anos. En realidade esta historia comezou na propia Idade Media.

Mais, como imos tratar de expoñer, non foi un proceso lineal. Algunhas crónicas do século XII, como a chamada Historia Silense ou o Chronicon Compostellanum, falan do reinado de Don García. Fano de xeito breve incidindo, en ambos os dous casos, na súa derrota e longo encarceramento. Ora, nestes cronistas non se albisca xenreira nin desprezo polo rei de Galicia. Descríbese, xa que logo, como un monarca desafortunado e unha vítima dos seus irmáns, sinaladamente Afonso e Urraca.

Do esquecemento...

Do laconismo pasamos, coa Historia Compostellana, ao esquecemento. Neste magno relato biográfico de Diego Xelmírez, que vén ser o mais sobranceiro documento historiográfico composto na Galicia medieval, Don García non existe. Nin tan sequera cando se fala do asasinato do bispo Gudesteo, feito acontecido no ano 1069, reinando don García. Gudesteo vai ser substituído na cátedra iriense por Diego Páez quen, segundo o relato, foi nomeado por Sancho II de Castela. Silencio e esquecemento cara o rei galego desde o scriptorium da sé de Compostela. Unha sorte de damnatio memoriae albíscase, tamén, no rexistro documental.

Sisnando Davídiz, o poderoso alvazir que gobernou a cidade de Coimbra e a fronteira co al-Andalus portugués desde a conquista da grande cidade do Mondego por Fernando I, esquece que Don García foi o seu rei mais de cinco anos. Nun documento conservado no Livro Preto de Coimbra e que foi estudado por Ermelindo Portela, este famoso conde de orixe mozárabe lembra que o goberno de Coimbra lle fora encomendado por Fernando I e, trala morte deste, polo seu fillo o “gloriosísimo” Afonso VI. Estamos a ver, xa que logo, un chouto temporal que serve para ignorar o período real de Don García.

Como é fácil de adiviñar, algo semellante acontece cos documentos saídos da chancelaría do ilustre e triunfante irmán do malfadado monarca galaico. Nos poucos casos nos que Afonso VI confirma accións rexias previamente acometidas por Don García, recórrese a silencialas. É o caso dun privilexio de inmunidade concedido ao mosteiro de San Antoíño de Toques. Previamente García fixera un privilexio idéntico en favor de Toques e cando Afonso VI fai o propio preséntase como se fora o primeiro rei en favorecer este pequeno mosteiro. En realidade, parece lexítimo pensar que o proceso de eliminación das referencias documentais a Don García puido ter sido aínda mais sistemático do que hoxe podemos certificar. É críbel que un rei de Galicia non concedera nin un só documento en favor da igrexa de Santiago? Que Samos ou Celanova, os dous mosteiros principais no seu reinado, non conserven referencia algunha a García na súa ampla documentación?

É certo que o eixo esencial da política de García e o principal dos seus apoios ficaba na parte da Gallaecia que ía deixar de ser Galicia en poucos anos: o territorio portucalense entre Miño e Douro. Malia isto, non parece historicamente críbel esta total ausencia da pegada rexia de García na documentación das mais sobranceiras institucións da Galicia coeva.Non é, porén, inimaxinábel que houbera mais documentos do noso rei dos que chegaron ata nós.

…Á deturpación

Do esquecemento e do laconismo das fontes mais antigas pasamos, xa no século XIII, á construción dun novo personaxe histórico. Neste novo retrato, Don García pasa a ser considerado de maneira moi negativa. Pódese mesmo falar que vai ser sometido a un proceso de ridiculización ate o punto de devir nun exemplo de mal rei. O xiro denigratorio xa comeza con Lucas de Tui na primeira metade do século. O historiador leonés, aínda que de xeito tímido, é o primeiro en cualificar negativamente o comportamento do rei galego no seu Chronicon Mundi.

Cando fala de como foi capturado polo seu irmán Afonso, o Tudense conclúe definindo a García como simplicis ingenii. Un rei parvo nin pode, nin merece reinar. Velaí a conclusión que podemos tirar da historia tal e como nola conta o bispo de Tui. Non é mais que un primeiro chanzo nunha cadea denigratoria que nos leva até Rodrigo Ximénez de Rada. Na súa Historia de rebus Hispaniae, redactada pouco tempo despois da obra de Lucas de Tui, traza un perfil do rei galego que incide na súa crueldade, algo do que ningún outro autor falara previamente. No retrato feito polo Arcebispo de Toledo, Don García aparece como un paradigma de mal señor, odiado e desprezado polos seus vasalos. Introduce, ademais, un novo, descoñecido e anónimo personaxe. Un servo, ou cando menos alguén de orixe non nobre, que actúa como o seu principal conselleiro.

Este sería, sempre segundo a versión do cronista, o delator dos milites et barones que van acabar enfrontándose co rei. Non minte o Toledano cando fala da tensión vivida entre o Rei e unha parte da nobreza do reino, pero o seu relato está xa tinxido de perfís imaxinarios e lendarios que crean unha nova imaxe netamente negativa. Podemos dicir, xa que logo, que Don García pasa de ser visto como inxenuo a ser considerado un tirano. O terceiro gran cronista do século, Afonso X o Sabio, na súa Primera Crónica General, mantén o discurso de Ximénez de Rada aínda que ampliándoo xenerosamente. Deste xeito, o século XIII féchase deixando un legado ben persistente para o noso protagonista, xa que esta imaxe negativa convértese no canon historiográfico sobre o rei galego. Un canon que sobrevive á construción medieval. Benito Vicetto na súa Historia de Galicia escrebe: “Don García ...como hombre es digno de la benevolencia del historiador, pero como soberano independiente, su negra memoria será siempre repugnante para cualquier hijo de Galicia”.

Máis competente no oficio de historiador e menos entusiasta nas súas valoracións, Murguía non falou moito na súa obra sobre Don García. Pero no pouco que di podemos ver como tamén segue a liña aberta por Lucas de Tui: rei indolente, preguiceiro, mal aconsellado e, aínda por riba, malfadado. Mesmo na historiografía do século XX seguimos a ver esta inercia. Velaí textos que lembran a saña vicettiana no caso de Rubén García Álvarez, ou a indiferenza raiana no desprezo con que Sánchez-Albornoz fala do noso personaxe. No terreo dos escritos políticos coido que a situación non é ben distinta. Castelao no seu Sempre en Galiza menciona a Don García só nunha ocasión. E faino non como exemplo de seu senón para poñelo en paralelo co infortunio vivido polo Reino dos suevos e o seu derradeiro monarca.

O fin destes dous malfadados reis leva a Castelao a escribir: “Tal é sempre a infelicidade política do noso país” Icona da infelicidade nacional. Quizais por iso Don García nunca figurou entre o catálogo de heroes nacionais de Galicia. As glorias e o poder de Diego Xelmírez, mesmo o suposto espírito irredento do Mariscal Pardo de Cela, agrandado polo seu tan tráxico como, para algúns, épico final, ocuparon estes lugares polo que atinxe os persoeiros da nosa Idade Media. O rei dunha Galicia extensa e plenamente independente, non. Manuel Rivas ou Darío X. Cabana na literatura e, de xeito sobranceiro, Ermelindo Portela desde a historia, repuxeron a Don García no plano imaxinario e tamén nun discurso histórico actualizado e sen as cargas tópicas do pasado.

Máis en Información do Reino
Comentarios