venres 10.07.2020

Anda con tento en Aninovo, que esperta 'O demo asubiador' para facer das súas

'Vaipolorío' volve resgatar este personaxe. “É á nosa mitoloxía o que a saramaganta á zooloxía de noso: un endemismo”. Entre trasno e demachiño, é natural da ribeira dos Gafos, e o 1 de xaneiro acorda para facer falcatruadas.

Anda con tento en Aninovo, que esperta 'O demo asubiador'

“Por aninovo volve o Demo Asubiador”. Lémbranolo o colectivo 'Vaipolorío', colectivo de Vilaboa e Pontevedra que desde o 2001 pula por recuperar o río dos Gafos. E que é o Demo Asubiador? Pois eles mesmos nolo explican: “Entre trasno e demachiño, o demo asubiador é diabo pequeneiro natural da ribeira dos Gafos, manancial desatado que outros nomean río de Tomeza”.

Un demiño que “apenas levanta unha polgada do chan, viste polainiñas de pana luída con furo na croca para acanear o rabo, camisa azul de flanela e chaleque da festa”. Gasta monteira de feltro, “enfeitada cunha pluma de alavanco. A pucha outórgalle o don da ubicua invisibilidade”. Engaden que “O demo asubiador é á nosa mitoloxía o que a saramaganta á zooloxía de noso: un endemismo”. É dicir, algo que só podes atopar en Galiza.

E que é o que fai? Vaipolorio tamén nolo conta: “Cadrando coa chegada do aninovo, co primeiro día do ano, o demo asubiador espreguízase e bótase aos camiños na procura dun paisano calquera. Así que escolle o coitado, xa non o desprende; gabéalle polo lombo (…) e rechíalle unha cantata que se lle ensarilla nos miolos”. Advirte o colectivo que a quen lle pase isto, “sen remedio posíbel”, bota o ano “desorientado, aboubado, respondendo sen que lle pregunten, acudindo onde non o chaman; nunha palabra, antaruxado”.


 

comentarios