Un número para un día especial


O semanario Sermos Galiza tiña que ser especial neste primeiro 25 de xullo nos quiosques. A voz de Bautista Álvarez e Saleta Goi, un percorrido pola histórica data e os artigos de análise de Xoán Carlos Garrido e Ana Pontón recollen a conmemoración política máis relevante do ano para o movemento nacionalista.
Sermos Galiza. Foto: TeT
photo_camera Sermos Galiza. Foto: TeT

Poucas persoas como Bautista Álvarez ou Saleta Goi poden lembrar en primeira persoa a historia recente do Día da Patria Galega. Cada un pola súa parte, comparten con nós algúns dos episodios máis singulares da recuperación da conmemoración nos últimos tempos do franquismo. Bautista Álvarez é, entre outras cousas, o autor das voandeiras nas que se anunciaría a primeira mobilización nacionalista claramente de reivindicación democrática no 1968, un texto impreso en Madrid con milleiros de reproducións que alertarían máis policía da que estaba previsto. 

A imaxe que é a portada do especial da conta do remate da xornada, cun grupo de participantes na entrada da Ferradura e co grande éxito que supuña deixar pendurada das árbores unha pancarta na que se lía “Viva Galiza Ceibe e Socialista”. “A praza do Obradoiro estaba copada pola policía militar e iso significaba que non nos trataban como unha cuestión de orde pública senón de integridade do Estado”. Saleta Goi lembra o ano no que na saída da Misa de Rosalía se berrou “Viva Galiza Ceibe e Socialista” e a inauguración dun novo tempo para a Patria, dunha mobilización reivindicativa e política na que ela partilla desde os inicios, desde aquela xornada na que, canda o propio Bautista, foron ate Rianxo visitar a Rafael Dieste antes de se facer noite e repartir as voandeiras que anunciarían a mobilización nacionalista.

De todo isto fala tamén o artigo asinado por Cilia Torna que parte do alborexar da conmemoración no entusiasmo das Irmandades da Fala ate o ano histórico no que a manifestación conseguiu entrar na Praza da Quintana, pasando polo silencio imposto polo franquismo e roto nos últimos tempos da ditadura por homes e mulleres que botaron a andar un novo tempo para a reivindicación nacionalista e democrática.

Tamén en páxinas interiores dedicadas á conmemoración, Luísa González e Mónica Pazos recuperan o lugar das mulleres no nacionalismo anterior ao 36, con nomes como Corona González, Carmen Lobeiras, Amparo Taboada, Elvira Bao ou Mª Luz Morales.
A aposta pola República galega dirixida cara un autogoberno soberano por parte do nacionalismo maioritario como concepto diferenciador tamén do republicanismo español é o debate que abre as páxinas da sección semanal “Tema de Portada”.
“Resiliencia en Castelao” o artigo de Xoán Carlos Garrido que bota luz sobre o concepto de nación e a colaboración de Ana Pontón arredor do lema da convocatoria do BNG deste ano completan o especial do Día da Patria Galega.

Comentarios