A “transparencia” demora no Concello da Coruña

O Concello da Coruña pagou a unha empresa privada 19.914 euros pola elaboración da ordenanza de transparencia e bo goberno mais oito meses despois aínda non pasou pola Xunta de Goberno Local. O BNG denuncia a “inxustificábel” demora. 

Case 20.000 euros lle custará á cidadanía da Coruña a ordenanza de transparencia e bo goberno que o equipo de Negreira encargou a unha empresa privada mais, oito meses despois, continúa sen presentar na Xunta de Goberno Local. 

O Grupo Municipal do BNG denuncia a demora que o grupo de goberno do PP xustificou en resposta escrita dicindo que se atopa en fase de revisión xa que está en “proceso de mellora de estrutura e contido do documento así como na definición dos procesos organizativos internos necesarios para a posta en marcha desta ordenanza”. Para o grupo nacionalista, as razóns aludidas por Negreira non xustifican a demora dunha ordenanza que, segundo o goberno local, aínda levará a pleno a fins de ano. A aprobación da ordenanza está contemplada na lei 19/2013 de transparencia, acceso á información e bo goberno. 

Pola súa banda, o grupo municipal de Esquerda Unida considera "paradigmático" que o goberno de Negreira garde nun caixón a ordenanza de transparencia "xusto dende que estoupou o escándalo de corrupción municipal pokemon". Segundo EU, o alcalde está a "gañar tempo" cos argumentos que emprega para demorar a súa aprobación. 

Comentarios