Tocado pola súa relación co narco Dorado, Feijóo vese superado por 3 dirixentes do PP como sucesor de Rajoy

A estrela de Feijóo apágase. Tocado pola súa relación co narco Dorado, só o 19% das persoas inquiridas por Metroscopia elíxeno como eventual sucesor de Rajoy.

A vicepresidenta do Goberno español, Soraya Sáenz de Santamaría, aparece como a opción favorita do eleitorado para relevar a Rajoy caso de o presidente acabar por demitir, de acordo co inquérito de Metroscopia que publica hoxe El País.

Soraya tería o apoio do 34 por cento das e dos eleitores, e o rexeitamento dun 57 por cento.

A segunda posición sería para Esperanza Aguirre, co 23% a favor e o 73% en contra. En terceiro lugar aparecería o ministro de Xustiza, Ruíz Gallardón, co 21% de respaldos e un 73% de rechazos.

O outrora emerxente Feijóo concita só o apoio do 19% das persoas entrevistas no inquérito

Hai que descer até o cuarto posto do ránking para batermos co outrora emerxente Núñez Feijóo. Só concitaría o apoio do 19 por cento das persoas entrevistadas no inquérito. Rexeítano o 64 por cento.

Feijóo só se impón a un Aznar en horas baixísimas (só tería o apoio do 16% e un rexeitamento masivo, o 80%) e dunha María Dolores Cospedal que sae chamuscadísima da crise política que vive o seu partido, con apenas un 14% de respaldos e un volume de rechazo idéntico ao que colleita Aznar.

De por parte, a enquisa revela que o bipartidismo aprofunda a súa crise. PP e PSOE apenas suman neste momento, entre os dous, o 45,8% dos apoios do eleitorado (nas eleccións de Novembro de 2011 o PP obtivo por si só o 44,8%).

Continúan en clara liña ascendente IU (16,2 %) e UPyD (11,8%).

Comentarios