Terra e Tempo editorializa sobre o sinistro de Angrois: "Desalmados"

Para a publicación dixital que edita a Fundación Bautista Álvarez, a traxedia trouxo á tona "a inmoralidade e a indecencia política dos dirixentes do Partido Popular e dos seus sicarios mediáticos".

Cun editorial intitulado "Desalmados", o Terra e Tempo analisa o sinistro de Angrois desde varios pontos de vista.

No que ten a ver coa xestión política da catástrofe por parte do Partido Popular, forza de goberno no Estado e na Galiza, a publicación de orientación nacionalista e marxista xulga o seu deber "denunciar" a "impúdica manipulación informativa do accidente", nomeadamente nas primeiras horas.

A manipulación tería visado instalar na atmósfera social a idea de que o sinistro se producira a consecuencia dun atentado.

"Até semellaba preferiren que se tivese tratado dunha acción terrorista en vez dun accidente para poderen aproveitalo politicamente"

"As declaracións de Samuel Juárez e doutros dirixentes do Partido Popular, como a sistemática introdución por parte da TVG desta hipótese, non deixaron dúbidas sobre a intencionalidade política do asunto", afirma o Terra e Tempo. Até deu a impresión de que preferían que se tivese tratado dunha "acción terrorista en vez dun accidente para poderen aproveitalo politicamente", no cadro da campaña de criminalización do nacionalismo lanzada polo PP. Nesa campaña a peza mestra é a TVG, cuxa gubernamentalización ten sido denunciada, alega o Terra e Tempo, en reiteradas ocasións polos proprias traballadoras e traballadores da televisión e da radio públicas de Galiza.

As responsabilidades políticas do PP na catástrofe

O editorial denuncia que o PP pretende eludir todas as súas responsabilidades políticas no sinistro pola vía de procurar unha cabeza de turco, o condutor do comboio. Terra e Tempo ve unha "indecencia" pretender "reducir as causas a un erro humano e mesmo propiciar o linchamento mediático do maquinista, como forma de ocultar as responsabilidades políticas evidentes do goberno español do Partido Popular a respecto das deficiencias técnicas da liña".

Terra e Tempo ve unha "indecencia" pretender "reducir as causas a un erro humano e mesmo propiciar o linchamento mediático do maquinista"

Sobre isto último, o editorial pon a énfase na "inadecuación do trazado" e na "inexistencia na vía do sistema de seguranza ERTMS".

A publicación nacionalista debrúzase aínda sobre o papel desempeñado polo goberno galego na xestión do sinistro, dependente e servil ante un Goberno de España con atitudes coloniais.

Terra e Tempo denuncia que todas as competencias en materia ferroviaria -as que atinxen ás infraestruturas, mais tamén aos sistemas de seguranza- están en mans do Estado e que o Goberno galego é hoxe un puro convidado de pedra.

Comentarios