Teresa Moure: ''O que se reclamaba no Banquete de Conxo continúa a estar de plena actualidade''

Galiza pola Soberanía (GpS) conmemora este domingo o 158 aniversario do Banquete Democrático de Conxo, acto que reivindica a radicalidade democrática e a defensa do País.

Este domingo, 2 de marzo, cúmprense 158 anos do Banquete Democrático de Conxo, un xantar popular que foi todo un alicerce na construción da conciencia nacional e democrática de Galiza. Aquel xantar (nunha carballeira rodeada polo exército español) no que confluíron estudantes e artesáns, con figuras como Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Murguía... é honrada (á vez que reinterpretada) este domingo nun acto de Galiza pola Soberanía.

O programa de GpS desenvolverase a partir das 12:00 horas no Belvedere de Conxo. Abrangue desde un xantar-romaría até palestras e charlas, todo iso nun ambiente de convivio e reivindicación. Falamos con Teresa Moure, escritora, profesora da Universidade de Compostela e activista en Galiza pola Soberanía.

“Foi un encontro histórico de persoas insurrectas, que non estaban conformes co modelo político vixente”

Que ve GpS de interese a reivindicar actualmente naquel Banquete de hai xa 158 anos?

Aquel banquete foi un encontro histórico de persoas insurrectas, que non estaban conformes co modelo político vixente e que foran quen de organizar un activismo cultural e social que daría lugar ao nacionalismo moderno. Aliás, incorporaran ese convivio entre clases onde os estudantes serviran aos traballadores, imprescindíbel para entender a auténtica natureza social e libertadora do nacionalismo galego.

Iso relativamente ao ideario político, porque a reivindicación do Banquete de Conxo é tamén, como se verá sen dúbida o domingo, unha forma de recuperación da memoria colectiva. Cando o preparabamos observamos que no propio Conxo a veciñanza xa non está segura do emprazamento do Belvedere, un río cuxo nome significa "boa vista", e que ironicamente, coas obras que o rodean, e o xeral abandono do enclave, está a convidarnos para a recuperación non só da historia (o que de por si xa é interesante), mais tamén dos espazos naturais. A poucos metros do hospital provincial de Conxo, onde poderíamos ter un paseo para agardar polos resultados dunha consulta ou para as visitas a pacientes, temos unha carballeira rodeada de material de construción e entullos e un antigo palco da música cuase derrubado.

O Banquete de 1865 causara arrepío na Compostela reaccionaria daquela altura e mesmo chegou a se realizar co exército a rodear a carballeira onde era o xantar. Quere GpS tamén, de certa forma, arrepiar a Compostela reaccionaria actual?

A GpS quer convocar a veciñanza, quer recuperar espazos onde, no medio da festa e da alegría, soen as voces de todas as reivindicacións xustas que causan indignación entre os distintos sectores sociais afectados por políticas corruptas. E quer, posto que ese é o seu obxectivo fundacional, partillar a idea de que a nosa soberanía implicaría unha mellor xestión de todo o que é colectivo. Non sabemos se iso arrepía ninguén, mas temos total seguranza de que pode reactivar e transformar moitas persoas desactivadas, desencantadas ou apáticas.

“Partillamos a idea de que a nosa soberanía implicaría unha mellor xestión de todo o colectivo”

Que discursos pensas que darían hoxe os Pondal, Aguirre...? Que cuestións abordarían hoxe? que reivindicarían?

Pondal leu naquela altura, cando era un mozo nos vinte anos, un poema onde, por sorprendente que pareza, falaba especificamente da soberanía e da igualdade fronte aos privilexios duns poucos. Hoxe está de total actualidade; apenas habería que incluír como mudanza algunha mención às mulleres, que ficaran ausentes naquela altura. Nos seus versos pode lerse: "brindo polo povo soberano", "non abandonedes o campo de pelexa; todos sodes na terra soberanos". E, de modo ben forte: "E ti, pobo, o que sofres resignado, / o que dá fillos á iníqua guerra,/ o que fai, pobre, de suor bañado/ en pardas fouces rebentar a terra;/ ti, que ignorante vives e humillado,/ o teu grande porvir en ti se encerra./ Pobo libre levántate, e valente,/ o sol contempla con dourada frente./ Non hai cancelas para ti; sobre ti brilla,/ grande, a liberdade; libre é a túa ciencia;/ o teu sagrado corazón e sen mancha/ libre o teu pensamento e a túa crenza." Apenas falta unha linguaxe máis inclusiva, inexistente naquela época, para que podamos emocionarnos con Pondal.

“Pondal leu naquela altura un poema onde, por sorprendente que pareza, falaba especificamente da soberanía e da igualdade fronte aos privilexios duns poucos”

E xa por último: en resumo...que consideras que debe ser Galiza pola Soberanía?

Como xa foi dito na presentación pública do manifesto, a GpS é unha chamada a todas cantas persoas estean inconformes co actual sistema de corrupción e coa mala administración do noso, para construírmos xuntas unha sociedade xusta e igualitaria onde os recursos do país sexan postos ao servizo do benestar colectivo. Somos unha plataforma democrática no seu funcionamento, asamblear na súa estrutura, con vocación non electoral; unha plataforma de adhesión individual baseada no principio xeral de soberanía e independente doutras organizacións, mais alicerzada nos movementos populares e sociais do país, nomeadamente os que se articulan por volta do movemento sindical, os servizos públicos, a cultura, o feminismo, a lingua, a ecoloxía, o consumo responsábel e outros colectivos de natureza emancipadora. O que pretendemos é difundir a toma de consciencia da maioría do pobo galego no proceso de construción nacional.

“Galiza pola Soberanía é unha chamada a todas cantas persoas estean inconformes co actual sistema”

Un xantar co exército rodeando a carballeira

O Banquete Democrático de Conxo decorreu o 2 de marzo de 1856 en Conxo, naquela altura concello e hoxe parroquia de Compostela. Estudantes e artesáns reuníronse nun encontro a iniciativa de Aurelio Aguirre que tivo unha ampla repercusión en Galiza.

Aguirre e Pondal foron acusados de 'sedición' polos seus discursos no xantar e ameazados con ser deportadas ás Marianas, no Océano Pacífico.

No xantar participaron Aguirre, Pondal, Manuel Murguía, Rodríguez Seoane e mesmo dise que Rosalía de Castro. O anuncio dun xantar de estudantes e artesáns de claras tendencias democráticas e compromiso coa Terra xerou arrepíos na Compostela máis conservadora. A carballeira de Conxo foi rodeada polo exército español mentres durou o xantar. Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre pronunciaron cadanseu discurso, dabondo 'revolucionarios' para a época, segundo as reaccións da prensa máis conservadora. De feito, custoulles denuncias por sedición e seren ameazados con deportacións ás illas Marianas, no Océano Pacífico. Aguirre mesmo foi acusado de 'ateo', o que naquela época era moi grave.

O Xantar de Conxo ficou na retina popular como un acto de afirmación e compromiso con Galiza e os valores de transformación social e 'revolucionarios' que se respiraban en Europa. Na tradición nacionalista sempre tivo un lugar de referencia á hora de interpretar a historia de Galiza en clave de seu. Un compromiso que segue agora GpS.

NOTA: A entrevista con Teresa Moure foi realizada por escrito. A novelista redixiu as súas respostas en Acordo Ortográfico -a norma internacional do português- e Sermos Galiza adaptounas á actual grafía oficial do galego.

Comentarios