Rojo despraza á Mesa a decisión de denunciar ou non convidad@s expulsad@s do Parlamento

A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, non quixo pronunciarse sobre se vai denunciar ou non os convidad@s expulsad@s esta semana do Parlamento.
Protesta no Parlamento da Plataforma galega das Artes Escénicas
photo_camera Protesta no Parlamento da Plataforma galega das Artes Escénicas

Aconteceu esta quarta feira. @s expulsad@s son membros da Plataforma Galega de Artes Escénicas e Musicais e presenciaron o Pleno convidad@s polo BNG. Rojo di que será a Mesa do Parlamento a que decidirá se hai elementos suficientes para levar os feitos ao xuíz. A presidenta esforzouse por restar importancia o asunto.

Nunha entrevista na Radio Galega, a presidenta do Parlamento galego cualificou como unha "semi-algarada" os feitos producidos no Pleno da Cámara realizado a pasada quarta feira -unha protesta de membros da Plataforma Galega de Artes Escénicas e Musicais presentes na Cámara perante o que consideraban evasivas do conselleiro de Educación ante unha pergunta da deputada Ana Pontón (BNG).

Dado o teor das respostas dadas por Rojo ao xornalista Xabier Ares -tildou o sucedido de "incidente suave"- todo aponta a que a presidenta do Parlamento defenderá na Mesa a tese de non existir no asunto materia merecente de ser posta en coñecimento do xuíz. Porén, desprazou a decisión final á Mesa.

A respeito de se considera cúmplice ao grupo parlamentar que convidou @s representantes da Plataforma Galega de Artes Escénicas e Musicais, Rojo tampouco ergueu o dedo acusador, embora si afirmou que "eles saben a quen convidan".

Rojo xulga "conxuntural" a conflitividade que está a rexistar a Cámara neste comezo de lexislatura.

Comentarios