"A recuperación do BanTeGal demostra o cinismo do Partido Popular"

Manuel Dacal, coordenador da Federación Rural Galega (FRUGA), avalía, en declaracións a Sermos Galiza, a decisión da Xunta de Galiza de reactivar o Banco de Terras. Após a "feroz" campaña de propaganda lanzada polo Partido Popular contra esta iniciativa alá polo 2007, Dacal está certo de que a súa reactivación é un exercicio de "cinismo" por parte do executivo galego mais advirte que podería tratarse dunha arma de dobre gume de se empregar para "ampliar a superficie forestal" de Galiza.

Manuel Dacal
photo_camera Manuel Dacal

O Consello da Xunta aprobou a pasada quinta feira (15 de novembro) a nova Lei de Mellora da Estrutura Agraria. Unha medida que recuperará o Banco de Terras e pulará pola ampliación da superficie agraria útil desde unha perspectiva distinta á tradicional concentración parcelaria. Rosa Quintana e Alberto Núñez Feijóo gabáronse na súa presentación dos beneficios desta norma que anunciaron coma se se tratar dunha nova iniciativa. Mais o certo é que o Banco de Terras foi creado en 2007 pola consellaría de Medio rural dirixida por Alfredo Suárez Canal (BNG). 

Como valora a reactivación do Banco de Terras após a campaña de propaganda que o PP impulsou en contra del?
Demostra dúas cousas. Primeiro, cinismo. Pois cando se tentou facer por vez primeira unha política estrutural coa superficie territorial agraria util para que as explotacións aumentasen a súa base territorial e fosen menos dependentes da compra de insumos do exterior, efectivamente asistimos a unha campaña feroz por parte do Partido Popular --nomeadamente en Ourense-- mesmo con panfletos incluídos nos que falaban da sovietización do campo galego.

"Daquela asistimos a unha campaña feroz por parte do PP con panfletos nos que falaban da sovietización do campo galego"

Agora, semella que caeron da burra. Eis a segunda reflexión. Fica claro que existe unha necesidade obxectiva, unha demanda do sector agro-gandeiro de aumentar a base territorial para ser menos dependentes. É unha demanda sectorial que leva ano xestándose. Cando o nacionalismo chegou a dirixir a política agraria deste país o primeiro que fixo foi recoller esa demanda. 

Por que recuperalo agora?
Caen da burra de que é unha necesidade imperiosa. Non é que for un capricho político ou ideolóxico dunha opción [en referencia ao BNG] senón que é unha necesidade obxectiva que o sector demanda porque os custes de produción se disparan, os prezos dos produtos agrarios baixan, embora estarmos excepcionalmente asistindo a unha suba por exemplo do leite. Para minimizar custes de produción, calquera que saiba algo disto, é consciente de que o preciso é reducir os custes fixos, como a alimentación do gando, e loxicamente incrementar a base territorial. 

"É unha necesidade obxectiva ampliar a base agraria útil para reducir a dependencia dos insumos do exterior. O BanTeGal non foi un capricho"

Rosa Quintana asegura que a Lei visa loitar contra os incendios. Está a mudar o PP o seu discurso a este respeito?
O que acontece é que, segundo a información que me ten chegado a través dun participante nunha conferencia organizada pola propia Consellaría de Medio Rural, detrás desta proposta aparentemente positiva se cadra hai algo perverso. Neste senso, dise que dentro das pretensións da Consellaría está empregar o BanTeGal para forestar as terras con cultivos enerxéticos e monocultivo de eucalipto que é o que realmente lle interesa ao PP [Adega alertou nos últimos días da autorización da Xunta á plantación de bambú para fins enerxéticos]. Pode que esteamos diante dunha intención perversa, mais que ten explicación. E é que quen dirixe a Consellaría de Medio Rural non é a conselleira, senón o secretario xeral [Tomás Fernández Couto], un home eminentemente forestalista que provén da Dirección xeral de Montes. 

"Segundo a información que recibín, a Consellaría de Medio Rural podería estar a procurar aumentar a superficie forestal a través do BanTeGal"

Esta nova lei é entón unha arma de dobre gume?
Probabelmente o que haxa aquí detrás non sexa algo tan positivo como inicialmente se pode prever e inicialmente valorei eu propio. Se é que fosen as cousas así, sería positivo mais se detrás disto hai unha intención de favorecer a forestación de teras agrarias isto sería terribelmente negativo. Asemade, hai que ter en conta que nos últimos anos, desde que chegou á Xunta o Partido Popular, practicamente non se aprobou ningún expediente de solicitude de fincas para o BanTeGal, pois a maior parte deles estiveron acumulados sen lles daren para adiante. Esa é a realidade. O BanTeGal non foi derrogado, existe tal e como foi lexislado, mais durante todo este tempo o PP mantívoo no conxelador cando menos.

Comentarios