“Proxectos Visíbeis” premia cunha campaña na rede a iniciativas de sociedades laborais

Ao concurso poderán presentarse proxectos empresariais de sociedades laborais. O premio? Unha campaña  en internet para dinamizar a proposta. O concurso “Proxectos Visíbeis” é unha nova iniciativa da Asociación Galega de Sociedades Laborais.

Premio a proxectos
photo_camera Premio a proxectos

A convocatoria que a Asociación Galega de Sociedades Laborais (Aesgal) bota andar este ano na súa primeira edición contempla dúas categorías, o mellor proxecto empresarial de Sociedades laborais recentemente constituídas ou á categoría de Mellor proxecto social no ámbito económico. 

A creatividade e orixinalidade das propostas, os valores da economía social e a presentación dos materiais conforme ás condicións tecnolóxicas recollidas nas bases son algúns dos criterios que se terán en conta á hora de outorgar o recoñecemento do premio “Proxectos Visíbeis”.  

Como premio, a Aesgal outorga unha campaña en internet para dinamizar a iniciativa empresarial ou social no ámbito da economía social. Será un lanzamento na rede do vídeo, a imaxe ou presentación, para darlle unha sólida presenza en Internet. Fóra de concurso, o xurado premiará un proxecto de Sociedade Laboral que será seleccionado pola súa traxectoria e contribución á economía social. 

Para a categoría de proxectos, o prazo de entrega rematará o 16 de outubro. As propostas subiranse o 18 e o día 25 comezará a votación online. O xurado estará composto por persoas de experiencia no ámbito da economía social, a comunicación e a promoción de proxectos. 

Ao concurso poderán presentarse proxectos empresariais de sociedades laborais e tamén proxectos de interese social de calquera tipo de entidades, na categoría B da convocatoria.

A campaña do premio incluirá unha mellora comunicativa dos elementos presentados, o lanzamento nas redes sociais cunha duración dun mes, a comunicación en espazos webs, ou a mellora no posicionamento na rede. As bases pódense consultar neste enlace. 

 

Comentarios