Proxecto mineiro de empresa española pon en pé a veciñanza de Ribeiro e Terra de Celanova

Unha empresa española presentou un proxecto para realizar propeccións e probas industriais de interese mineiro nunha superficie de perto de 1.700 hectáreas nos concellos de Cartelle, Ramirás, Arnoia e Castrelo do Miño, en Ourense. Os traballos afectarían zonas naturais protexidas e terían efectos sobre veciñanza e medio ambiente.
Castrelo

Galiza semella estar a converterse en toda unha mina -e non é unha metáfora- para empresas interesadas en explotar os xacementos mineiros. Un novo exemplo diso é o proxecto dunha empresa española (a salmantina Minas y Geología S.L, que para a ocasión se vista de Wolfran Aurense), que presentou á Xunta un proxecto mineiro para fase de investigación a desenvolver na provincia de Ourense.

Este proxecto abranguería realizar prospeccións e probas industriais nunha superficie de 1.680 hectáreas, afectando a catro concellos: Castrelo do Miño, Ramirás, Arnoia e Cartelle; das comarcas do Ribeiro e Terra de Celanova. Nesa superficie entrarían mesmo zonas protexidas ambientalmente.

O obxectivo da empresa é procurar xacementos mineiros de elementos coma o estaño, o wolfrang ou o litio, entre outros; nunha comarca cun importante pasado mineiro. Mais son zonas que actualmente viven en gran medida da riqueza que dan sectores como o vinícola, o agrario ou o forestal.

Rexeitamento

Mais desde concellos como o de Castrelo do Miño e Arnoia xa se anunciou que ían presentar alegacións a este proxecto da empresa española. Unha vía que tamén toman desde colectivos veciñais desas comarcas até plataformas de defensa ambiental. O motivo? Que os traballos previstos pola empresa afectan a áreas catalogadas como Zonas de Especial Interse Agrario, a xacimentos arqulóxicos, a espazos naturais como o das Ribeiras do Miño, ou o impacto directo sobre máis de 300 vivendas. Para alén de que esas prospeccións tamén afectan a vetas de auga natural, abastecementos de augas, corredoiras tradicionais aínda en uso...

Comentarios