O laboratorio xeolóxico da empresa de Corcoesto ten que pechar por non ter licenza

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto afirma que a empresa mineira Edgewater "ten que pechar de xeito inmediato" o seu centro de traballo en Corcoesto, no que viña desenvolvendo labores relacionados con actividades extractivas mineiras, "por carecer de licenza para o exercicio desta actividade"
Corcoesto
photo_camera Corcoesto

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto sinala que a empresa canadense Edgewater emprega desde hai varios anos unha antiga nave agrícola como centro de traballo "co consentimento do alcalde de Cabana, que a sabendas de que carecía de licenza, nunca esixiu que se cumprise coa legalidade". Nese centro exercíase a actividade de laboratorio xeolóxico para procesamento de mostras.

Segundo este colectivo, tivo que ser a través dunha denuncia presentada pol@s veciñ@s (na que solicitaron a reposición da legalidade e a imposición das sancións), cando o rexedor "se viu obrigado a actuar de xeito inmediato, ordenando a suspensión da actividade nun prazo máximo de vinte e catro horas". Aliás, afirman desde a Plataforma, tivo que darlle traslado da denuncia e do expediente tramitado á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galiza e proceder a incoar o expediente de reposición da legalidade previsto no regulamento de disciplina urbanística que desenvolve a lei do solo.

A Plataforma lembra que o centro de traballo que agora se pecha, está situado en solo rústico de protección ordinaria, polo que o Concello non pode outorgar licenza municipal para actividades relacionadas coa explotación mineira

"Non son legalizábeis"

A Plataforma lembra que o centro de traballo que agora se pecha, está situado en solo rústico de protección ordinaria, polo que o Concello non pode outorgar licenza municipal para actividades relacionadas coa explotación mineira ao tratarse dun uso, que segundo a lei do solo de Galicia, require de autorización autonómica. Consideran ademais que as instalacións de almacenamento, oficinas e de laboratorio xeolóxico non son legalizábeis nin cumpren os requisitos para que se lle poida outorgar á empresa mineira licenza para o exercicio desas actividades.

Por outra banda, desde a Plataforma sinalan que "non van a consentir ningún trato de favor por parte das autoridades coa empresa mineira de Corcoesto, e que acudirán á fiscalía ante calquera indicio de prevaricación".

Comentarios