O preguntoiro será un espazo na rede no que preguntar cuestións relacionadas coas tecnoloxías libres que terán resposta por parte doutras persoas usuarias. Alén diso, nesta ágora para o software libre as internautas poderán votar as mellores respostas e tamén un sistema para valorar aos propios usuarios.
Quen teña unha cuestión, unha dúbida arredor do uso do software libre pode preguntar a través do novo servizo e atopará a resposta de quen queira e saiba responder desta comunidade aberta. “Este servizo vén cubrir un oco existente na nosa comunidade, a falla dun bo sistema de coñecemento compartido enfocado á comunidade galega de usuarios de software libre”, explican desde CIXUG.
Para participar no Preguntoiro cómpre rexistrarse e formar parte así da comunidade de autoaxuda, podendo a seguir tanto introducir dúbidas no foro como contribuír a resolver preguntas neste novo espazo de coñecemento compartido.
O foro aberto intégrase nas actividades da Oficina de Software Libre do CIXUG como parte do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA para a difusión do software libre. Está incluído no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta.