Piden 5 anos de cárcere para unha independentista polas mobilizacións contra o porto deportivo de Massó

Fiscalía acusará a Charo Lopes dun delito de desordes públicas, un de danos con incendio e outro de danos. Aliás, quere que lle pague 2.678´70€ ao banco Santander pola rotura dun cristal e 320 ao Concello de Cangas. Os feitos aconteceron en 2009, nunha masiva protesta que xuntou 5.000 persoas
photo_camera [Imaxe de arquivo: SG]


A fiscalía pide máis de cinco anos de cárcere para a moza independentista Charo Lopes, prendida pola policía española no Morrazo en 2009 namentres facía parte dunha das moitas multitudinarias mobilizacións que naquela altura os movementos sociais levaron a cabo en contra da construción do porto deportivo de Massó.

Na protesta realizada aquel primeiro de agosto, cando prenderon a moza, xuntáronse máis de 5 mil persoas e houbo 16 persoas detidas. De acordo co informe da policía, levaría canda ela unha garrafa de gasolina. 

Segundo informou a Sermos Galiza o avogado da defensa, Guillerme Presa, a fiscalía pide para Lopes dous anos de prisión por un delito de desordes públicas e outros dous anos e medio por un delito de danos con incendio. 

Aliás, acúsaa tamén dun delito de danos polo que lle reclaman unha multa de 6.000 euros a razón de dez euros cada día durante de vinte meses. De non poder pagar, deberá responder con pena privativa de liberdade: un día de prisión por cada dúas cotas non satisfeitas. En total serían outros 300 días de cárcere. A maiores, Lopes deberá aboar tamén, por responsabilidade civil, 2.678´70€ ao banco Santander pola rotura dun cristal e 320 ao Concello de Cangas.

A moza foi detida pola garda civil o primeiro de agosto de 2009. Após tres anos e oito meses do acontecido, Lopes sentará no banco d@s acusad@s por aquela detención en que foron prendidas tamén outras 15 persoas. Foron por volta de trinta @s veciñ@s enxuizadas e condenadas por paralizaren as obras de construción do porto deportivo.

Comentarios