París estudará o plano peonil de Pontevedra

O concello da capital francesa adaptará o Metrominuto, a expresión gráfica do modelo urbano pontevedrés que foi premiado internacionalmente. 

París vaino adaptar á súa propia realidade mais respectará os obxectivos da iniciativa posta a andar polo concello de Pontevedra. Após ser premiado pola Unión Europea co Intermodes 2012, o Metrominuto será levado á capital francesa.  "O modelo de Pontevedra gusta, parece interesante en Europa", asegurou o concelleiro nacionalista, Demetrio Xunqueira en comparecencia de imprensa. 

E o certo é que xa espertou o interese para alén da Galiza. Neste senso, representantes da equipa municipal viaxaron á cidade austríaca de Graz onde expuxeron a súa experiencia. "Trasladamos a nosa visión e as solucións que aplicamos en Pontevedra", apuntou Xunqueira ao tempo que acrecentou vimos que as cousas poden ter solución técnicas diferentes", de acordo coa realidade urbana de cada territorio. 

Neste senso, desde o Concello amosáronse moi orgullos@s de que unha cidade como París se interesase por unha iniciativa deseñada desde unha "cidade pequerrechiña como a nosa". Aliás asegurou que Metrominuto posúe unha grande utilidade "para fomentar a mobilidade peonil" en cidades máis grandes, como demostra a decisión do goberno parisino. 

Após a viaxe da comitiva municipal a Austria, @s nacionalistas anunciaron que unha delegación austríaca se desprazará "en próximas semanas" a Pontevedra para ver de primeira man a aplicación técnica deste plano peonil e do modelo urbano pontevedrés. 

Comentarios