Os ministerios que esnaquizan os nosos sectores productivos

O naval perde 10.000 postos de traballo na última lexislatura, a frota galega de altura é expulsada de caladoiros como o de Mauritania, o Decreto do carbón prexudica toda a actividade auxiliar das centrais de Meirama e As Pontes, e o contrato homologado do leite rubrica a nivel estatal a extorsión das distribuidoras e industrias ás e aos gandeir@s galeg@s.

A falta de defensa política de Galiza como potencia pesqueira perante a UE por parte dos gobernos españois, queda de manifesto na negociación de acordos con terceiros países que supuxeron unha importante redución dos caladoiros de altura e de grande altura. O caso máis recente está no peche do banco de Mauritania, que desde o pasado 31 de xullo obriga 24 barcos conxeladores de arrastre, 20 deles galegos e con tripulacións maioritariamente do Morrazo e Vigo, a abandonar este caladoiro. En concreto, a frota galega que traballaba en augas saharianas foi minguando de 250 barcos, que había no momento da entrada do Estado español na UE, até os 24 que fican na actualidade. A esta cifra hai que lle sumar os 42 buques galegos que pescaban no Gran Sol e que foron para despezamento nos tres últimos anos e medio, así como o descenso da frota galega que faena en augas de xurisdición NAFO (Atlántico Noroeste), cuxo número de buques se reduciu á metade desde a crise do fletán no ano 1995, por mor da baixa de cotas de capturas de fletán e polo veto para capturar bacallau.

No naval, patronal, goberno e sindicatos estatais, levan anos prexudicando os estaleiros galegos fronte aos do sur do estado, o que supuxo a perda de 10.000 postos de traballo só na última lexislatura. Neste sentido, cómpre lembrar que o veto á construción naval civil a Navantia Fene foi prorrogado polos sucesivos gobernos do PP e PSOE durante máis de 28 anos, rachando mesmo unha proposta aprobada polo Parlamento español hai dous anos a instancias do deputado nacionalista, Francisco Jorquera, para que o entón presidente socialista iniciase as xestións en Bruxelas para levantar o veto durante a presidencia do Estado español na UE. Unhas xestións que nunca chegaron nin a se iniciar e que manterán esta prohibición na antiga Astano até o ano 2015. Tampouco parece prosperar a construción do dique flotante en Ferrol, que neste caso contou ademais co voto en contra de IU, negando a posibilidade de que a reparación de grandes buques se poida facer en Galiza e favorecendo que esta actividade se realice nas instalacións de Navantia en Cádiz. Tamén a vontade política, por omisión neste caso, determinou a paralización da contratación de construción de novos buques coa cobertura fiscal denominada Tax Lease. Este tratamento fiscal posto en cuestión pola Unión Europea podería terse mantido se o Parlamento español tivese a vontade de o modificar no seu momento para o adecuar ás exixencias de Bruxelas, tal e como fixera o Parlamento francés cando se atopou coa mesma situación.

Galiza suma un novo veto produtivo co denominado Decreto do carbón aprobado no ano 2010 e que favorece o consumo de carbón estatal. Unha norma que supuxo un importante balón de osíxeno para 10 centrais instaladas principalmente en León, Asturias e Teruel, en detrimento das galegas, por funcionaren con carbón de importación. Unha normativa sen aparente xustificación económica nin ambiental, toda vez que as centrais de Meirama e As Pontes eran as que producían máis barato e as menos contaminantes do estado, despois dos investimentos feitos para as adecuar aos niveis do protocolo de Kioto. Alén da redución de produción de enerxía, esta restrición está a lles afectar maioritariamente ás e aos traballador@s das industrias auxiliares e da actividade que xira arredor de ambas as dúas centrais.

Entrementres o sector lácteo galego tan só conta na actualidade con 10.648 explotacións, tres veces menos que hai dez anos. No último ano pecharon en Galiza máis de medio milleiro, a un ritmo de dez por semana. Vender o leite por debaixo dos custos de produción, ter os prezos máis baixos de todo o Estado español e da UE é a principal causa, á que se chega por non botar man da capacidade sancionadora e lexislativa para salvar a desvantaxe d@s gandeir@s galeg@s. Unha situación que acadou o seu punto máis crítico no momento en que o goberno estatal trata de facer obrigatorio un contrato homologado, tan lesivo para o sector galego que suporía a lexitimación das prácticas de extorsión de industrias e distribuidoras, renunciando á negociación colectiva e a prezos de base que cubran os custos de traballo.

A negación da identidade propia

O ministerio de Fomento está na actualidade tratando de regularizar as embarcacións igualando todas as zonas pesqueiras do estado sen atender as especificidades propias de cada unha. Así, as 4.200 embarcacións de baixura galegas están en serio risco de quedar fóra desta nova normativa, ao non se recoñeceren as condicións climatolóxicas especiais de zonas como Fisterra, que cunha media de 120 días ao ano de fortes ventos e temporal, precisa embarcacións con maior potencia para garantir a súa seguranza. Se o goberno central non acepta que máis potencia non equivale a máis actividade, senón a garantir a seguranza en embarcacións percebeiras e de marisqueo en flotación, por exemplo, todas estas embarcacións poderían ser declaradas ilegais.
A negación da importancia do idioma propio do país queda, máis unha vez, de manifesto coa concesión do servizo de comunicacións de socorro marítimo á empresa Abertis Telecom, o que está dando lugar a conflitos lingüísticos entre os mariñeiros galegos que precisan cobertura no mar e @s teleoperador@s estranxeir@s contratad@s pola empresa.

Especialmente rechamante resulta, doutra banda, que aos percebeiros non se lles recoñezan as condicións de perigo para accederen á xubilación anticipada; que non se inclúan doenzas específicas d@s mariscador@s na táboa de doenzas vinculadas ao traballo recoñecidas na seguridade social para accederen a baixas laborais; ou que os máis de 8.000 mariñeiros galegos de altura e de grande altura sexan os únicos da UE que non contan cunha lexislación específica para poder exercer o seu dereito ao voto.

Comentarios