O xuíz interroga ao presidente do Senado polo financiamento ilegal do PP

O presidente do Senado Pío García-Escudero será interrogado no seu propio despacho na investigación do financiamento ilegal do PP, no caso que comezou coa publicación dos papeis secretos de Luís Bárcenas, extesoureiro do partido de Rajoy. Será o primeiro dos seis dirixentes que darán conta en dous días diante do xuíz. 

O presidente do Senado, Pío García Escudero, responderá hoxe a un interrogatorio polo que o xuíz Pablo Ruz tenta aclarar se o PP contaba cunha caixa b de contabilidade na que se xestionaban pagos irregulares. 

O nome de García Escudero é un dos que aparecen nos cadernos de Bárcenas coa cifra de un millón de pesetas ao seu carón, o que o dirixente popular explicou que se debía a un pagamento dunha parte do préstamos de cinco millóns que o PP financiara para pagar os desperfectos no seu domicilio despois de que lle estoupara unha bomba de ETA. Segundo os datos que obran en poder xudicial, entre unhas contas e outras atoparíase o desfase de un millón de pesetas que sospeita que o PP puido ter pagado por medio da caixa B de Bárcenas. 

Jaume Matas, Jaime Ignacio del Burgo, Santiago Abascal, Eugenio Nasarre e Calixto Ayesa serán os dirixentes do PP interrogados nesta semana, unha vez tiñan declarado ter recibido cartos de Bárcenas. Canda eles, serán interrogados outros responsábeis do departamento de finanzas do PP. En investigación está tamén se os dirixentes do PP tributaron a Facenda polos cargos recibidos. 


Os seis dirixentes do PP declararán para aclarar o financiamento do PP e o suposto fraude fiscal entre o luns día 20 e o martes día 21. 

Comentarios