Rebaixan a condena a David Reboredo a dous anos

O Tribunal Supremo vén de anular a resolución da Audiencia de Pontevedra que condenou o vigués a tres anos e medio de prisión en 2003 por intercambiar unha papelina con 300 miligramos de heroína. Estimou o Supremo que a cantidade de droga era "nimia", que "nunca" abandonou o tratamento de deshabituación e que conta cun "sólido" apoio familiar e veciñal


O Tribunal Supremo vén de anular a resolución ditada en 2007 pola Audiencia provincial de Pontevedra contra o veciño de Vigo David Reboredo, que o condenaba a tres anos e sete meses de cárcere polo intercambio dunha papelina de con 300 miligramos de heroína e un valor de 42 euros. O Alto tribunal rebaixou esa pena en ano e medio ao lle aplicar a Reboredo con carácter retroactivo o tipo atenuado de delito contra a saúde pública, previsto na reforma do CP de 2010 para supostos de escasa gravidade.

O Supremo estimou o recurso presentado polo propio afectado, que a día de hoxe se atopa completamente rehabilitado e traballaba como axente de saúde. Recoñece que a cantidade de droga era "nimia", que "nunca" abandonou o tratamento de deshabituación e que conta cun "sólido" apoio familiar e veciñal. Aínda esta quinta feira o Concello de Vigo pechou filas en prol do seu indulto, aprobando por unanimidade unha moción do BNG en que o propio Goberno local exixiría a extinción da pena de vir denegados os indultos presentados pola familia perante o Goberno español e perante El-Rei.

Comentarios