O Estado recorta 430.000 euros na loita contra a drogadicción na Galiza

A nival estatal, a redución supera os seis millóns e medio de euros

O representante do Ministerio anunciou na primeira reunión sectorial do Plan Estatal de Loita contra a Drogadicción que o Orzamento para o próximo ano será de 11,98 millóns de euros para repartir entre o conxunto dos territorios do estado. CIG-Saúde denuncia que o goberno central destinará así 6,5 millóns menos a este plan, dos cales corresponde a Galiza unha redución de 431.000 €. “Faise esta redución ao tempo que se salienta a necesidade de que os gobernos central e autonómicos reforcen a loita contra o consumo de drogas, nomeadamente entre a mocidade e as mulleres”, di a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

A Galiza correspondéronlle 1.179.548 euros o ano pasado. A asignación agora será de 748.519,81, polo tanto redúceselle o orzamento en 431 mil €, ao que hai que engadirlle que, desde a toma de posesión do goberno do PP na Xunta, a Consellaría de Sanidade reduciu o montante total asignado nos orzamentos de 2012 en máis de 1.400.000 €, o que tivo como consecuencia unha diminución importante das actividades que se realizan. Alerta que a esta redución, haberá que sumarlle a previsíbel diminución orzamentaria que a Consellaría de Sanidade faga nos orzamentos do ano 2013.

Ataque á saúde pública

Para a CIG, con esta medida o único que pretenden os gobernos central e da Xunta “é dar por finiquitado o plan galego de drogas, que leva en activo máis de 20 anos cun traballo de recoñecido prestixio, que serviu de modelo para que outras CCAA e outros países elaboraran os seus propios plans”.

CIG-Saúde denuncia que esta redución orzamentaria está englobada nas medidas de política sanitaria do Partido Popular “destinadas a eliminar das prestacións sanitarias aos colectivos máis desfavorecidos socialmente e que, de continuar nesta senda, no futuro provocarán graves problemas de saúde pública que afectarán a toda a poboación”.

Comentarios